"Eu non veño polas horas do meu fillo, senón polas horas de todos os fillos enfermos"


De sorpresa pódese calificar a ausencia do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, na reunión que el mesmo fixara onte coa Confederación de ANPAS Galegas e Nieves Villar, a nai do neno malpicán enfermo de leucemia que necesita unha atención educativa domiciliaria. Moito máis sinxelo, nun caso tan mediático coma este, tería sido acodir á cita, mesmo sacar unha foto e zanxar o asunto cun "estamos traballando nelo".
Pero efectivamente Román non apareceu e "con cara de pasmo" quedaron os representantes da ANPA, como nos conta o propio voceiro Fernando Lacaci, cando se decataron que non ía estar. "Nós pedimos unha reunión co Conselleiro. Pero que nos dean como excusa a complicada axenda do Conselleiro, cando é o propio Conselleiro quen nos chama…" comenta Lacaci. "Os nosos representantes políticos son uns maleducados, e deixarnos a nós na porta poderíase entender, pero non recibir á nai dun neno con leucemia é un problema de insensibilidade rotundo", critica.
Lacaci considera que a Consellería pode non estar sendo consciente da potencia do caso. "Están topando cunha forza especial que é Nieves, que ve que é o problema a modo global. Dicíalles aos técnicos: "Eu aquí non veño polas horas do meu fillo se non polas horas de todos os fillos enfermos ou que poden estalo", o que dá conta da súa visión.
Porque non podemos esquecer que "os nenos e nenas inmersos nun proceso de longa enfermidade, apartados da vida cotiá, non só dos centros educativos, nos que a vida medra separada deles, deben ter unha atención especial. Pois ademais do dramatismo actual, hai que prever no seu futuro. Temos que pensar que todos van curar, e por iso temos prepararlles un futuro, para cando rematen unha experiencia xa de por si tráxica. O neno non ten por que adxudicarlle o valor de fracasado escolarmente. A administración ten que solucionar a vida futura deses nenos, o seu dereito de educación coma o resto, aínda que estean enfermos. Ademais, son problemáticas que hai que solucionar en canto xurden, porque estamos falando de cousas moi graves", apúntanos Lacaci, que remata a conversa cun claro "é incrible que no 2015, teña que erguerse nunha batalla mediática para esixir unha atención educativa dun neno enfermo".
Rolda de prensa de protesta

Convocaba pois a Confederación de ANPAS Galegas unha rolda de prensa un día despois do desplante. Ademais de reiterar toda a necesidade dunha decente atención educativa domiciliaria, a rolda tiña como finalidade específica "denunciar que temos un concelleiro que nin tan sequera asiste a eventos que el mesmo fixa". Ademais, esixen unha nova reunión (presentarán mañá por rexistro a petición) coa persoa Román Rodríguez.
En todo caso, teremos a ocasión de escoitar en directo a Hadrián e a Nieves este venres ás 11:00h na TVE, despois de seren invitados esta mesma tarde.
Novas relacionadas- O Conselleiro deixa plantada a nai do malpicán Hadrián.
- As Anpas Galegas inician unha campaña de reivindicación por unha correcta atención educativa para os alumnos enfermos.
- Hadrián, punta de lanza para unha campaña galega pola atención hospitalaria e domiciliaria
- A federación de Anpas da Costa da Morte reúnese coa nai de Hadrián
- Por unha atención educativa domiciliaria decente para Hadrián
- Redacción QPC ([email protected])
- Confederación de Anpas Galegas