@Mareandoxogo leva o #FutfemdaCosta á final dos Premios Youtubeiras
Presentáronse onte os candidatos que estarán na novena edición da Gala Premios Youtubeiras+, unha das mellores iniciativas normalizadoras do país. Un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 7 de febreiro.
Presentarana Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke).
Entre as finalistas atopamos á malpicá Laura Rodríguez, que se cola coa súa canle @mareandoxogo, naque repasa a actualidade do #FUTFEMDACOSTA. A xornalista, que traballa do Diario de Bergantiños e xoga no SD Ponteceso, opta ao Premio Revelación.
126 canles participantes
Os galardóns repartirán 7500 € entre as persoas e canles gañadoras nas sete categorías en que se divide o certame. Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que –tal e como salientou Cons– “bate a marca histórica do concurso e supera a cifra colleitada na edición anterior”. “O ano pasado participaron un total de 89 canles, mentres que na edición de 2023 o número ficou nas 68”, explicou a edil, antes de lembrar que as bases experimentaron modificacións nesta última entrega. “Por vez primeira, o concurso abriuse á participación de canles de todas as redes sociais. Antes, ata 2023, limitábase ás canles de YouTube, e en 2024 ampliouse a participación tamén a TikTok. Nesta edición, que recoñece o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas, entre as cales Instagram é a rede social con máis presenza, ao achegar un total de 81 contas distintas”, expuxo a concelleira.
|