O Pleno malpicán aprobou o convenio para executar o saneamento de Beo cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros
O Pleno do Concello de Malpica de Bergantiños, reunido en sesión ordinaria, aprobou este xoves tres asuntos de especial relevancia para o
municipio: a determinación dos festivos locais para o ano 2027, a aprobación inicial da Ordenanza reguladora do uso racional e sostible das
praias e o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a execución da actuación de saneamento e da estación depuradora de
augas residuais (EDAR) na parroquia de Beo.
Era o asunto de maior transcendencia da sesión, unha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. A actuación contará cun investimento total de 1.249.352,29 euros, que permitirá dotar á parroquia de Beo dunha rede de colectores e dunha estación depuradora de augas residuais, mellorando de forma substancial o servizo de saneamento e contribuíndo á protección ambiental e á calidade das augas. O convenio foi aprobado cos votos favorables do Partido Popular e do PSOE, mentres que BNG e AIM optaron pola abstención.
"Este proxecto comezámolo a impulsar no ano 2017, coa realización dos primeiros trámites necesarios para a súa execución”, asegurou o alcalde Eduardo Parga.
Outros puntos
No primeiro dos puntos da orde do día, a Corporación acordou establecer como festivos locais para o ano 2027 o 9 de febreiro, Martes de Entroido, e
o 20 de agosto, venres das Festas do Mar. A proposta foi aprobada cos votos favorables do Grupo Municipal Popular e do BNG, a abstención de
AIM e o voto en contra do PSOE.
O Pleno aprobou tamén inicialmente a Ordenanza reguladora do uso racional e sostible das praias do Concello de Malpica de Bergantiños, un instrumento que permitirá regular os usos destes espazos naturais, favorecer a convivencia entre as persoas usuarias e reforzar a protección e
conservación do litoral. O expediente saíu adiante cos votos favorables do Partido Popular e do BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra de AIM.