mércores. 26.03.2025
El tiempo

O posto Agresión Off fixo parada informativa en Malpica polo 8M

8M Malpica 3
O posto Agresión Off fixo parada informativa en Malpica polo 8M

O Concello de Malpica conmemorou este sábado o 8M, 𝐃í𝐚 𝐝𝐚 𝐈𝐧𝐭𝐞𝐫𝐧𝐚𝐜𝐢𝐨𝐧𝐚𝐥 𝐝𝐚 𝐌𝐮𝐥𝐥𝐞𝐫, coa lectura dun manifesto institucional a cargo da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco. O lema deste ano é "Mulleres Tocando Con Forza".
Ademais, durante a mañá sabatina o stand AGRESIÓN OFF estivo na Praza Villar Amigo, co obxectivo de sensibilizar, previr as agresións sexuais contra as mulleres e loitar contra o acoso.

8M Malpica 25
8M Malpica 25

Manifesto municipal 

O 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, unha data clave para recoñecer a loita e os logros das mulleres ao longo da historia. Neste ano, o Concello de Malpica quere rendir unha especial homenaxe a seis mulleres que, a pesar das críticas e faladorías, levaron a nosa cultura alén das nosas fronteiras. Son un exemplo claro de empoderamento feminino, tendo en conta os obstáculos dunha época onde era impensable que unha muller, menos aínda nunha zona rural, puidese alcanzar tal recoñecemento.
As nosas homenaxeadas participaron en festivais por toda Galicia, España, Portugal, Francia e mesmo chegaron a viaxar ata Arxentina, levando consigo a esencia da nosa tradición oral. A súa arte, marcada pola pureza, orixinalidade e perfección nas súas interpretacións, foi acolllida con entusiasmo por aqueles que tiveron a sorte de gozar das súas actuacións en directo.
O seu amigo Manuel Cajaraville confesou que, a primeira vez que as viu actuar no Teatro Colón, a emoción foi tal que non puido conter as bágoas. Esta testemuña é unha mostra do impacto que estas mulleres tiveron na nosa cultura e naqueles que puideron velas en escena.
Xa na década dos 90 recibiron varias homenaxes en recoñecemento ao seu legado artístico. Nos anos 2012 e 2013, o Concello de Malpica organizou actos na súa parroquia natal, Mens, reunindo en cada un deles a máis de 300 persoas, unha mostra do agarimo e admiración que xeron ao longo dos anos.
O vindeiro 17 de maio, no Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega dedicaralle esta xornada a estas mulleres, as nosas queridas Pandeireteiras de Mens, en recoñecemento ao seu labor incansable na conservación e divulgación da nosa tradición oral. Desde o Concello de Malpica sentimos un inmenso orgullo por esta distinción, aínda que nos enche de tristura de saber que ningunha delas pode ser testemuña deste merecido recoñecemento. Confiamos en que as súas familias gocen desta homenaxe e se sintan orgullosas das súas nais e avoas, que tanto fixeron pola nosa cultura.
Antes de rematar, en nome propio e no dos meus compañeiros, quero expresar o noso máis sincero respecto e gratitude a estas mulleres pioneiras e embaixadoras da nosa identidade. Grazas a elas, a tradición oral do pobo de Mens segue a ser un referente vivo da riqueza cultural galega.

Máis novas

Comentarios