Os rexedores de Cabana, Laxe e Malpica trasladáronlle á Amtega a necesidade de controlar os cortes da rede de telefonía e internet
Xa o pasado mes de abril visitaron as dependencias da Xunta para trasladar a inquedanza de toda unha comarca ante os continuos cortes de conexión telefónica e internet. Este mércores, os alcaldes de Cabana, Laxe e Malpica volveron presentarse nas dependencias autonómicas para trasladarlle á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e ao director da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Damián Rey, a necesidade de dar resposta ás reclamacións formuladas sobre os cortes frecuentes que se dan dende hai meses.
Cortes que provocan consecuencias directas sobre a actividade administrativa, económica e social da zona. Os representantes autonómicos e locais explicaron ao representante da compañía telefónica que esta situación está a afectar de maneira directa a servizos esenciais, como o funcionamento ordinario dos propios concellos, a actividade do tecido produtivo local ou a realización dalgúns trámites diarios nos centros de saúde, polo que advertiu de que “esta realidade non pode normalizarse no rural galego”.
O Executivo autonómico considera "urxente adoptar medidas que permitan eliminar estes cortes prolongados da rede e garantir unha prestación axeitada e estable".

