Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha foca gris descansando en Punta Nariga

Unha foca gris descansando en Punta Nariga

Xa se teñen atopado varadas nas nosas costas cachalotes, caldeiróns, baleas e ata tartarugas. Pero poucas veces se albisca, unha foca. E menos, unha foca viva.

Aló estaba, descansando nas rochas da Punta Nariga, en Malpica, cando a descubríu o muxián Felipe Sar Marcote, esta mesma mañá de 7 de febreiro de 2011. O propio Felipe se puña en contacto co 112, que de contado avisaba a Protección Civil de Malpica e á Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) unha ONG galega con longa experiencia no coidado destes animais.

Segundo nos contan este exemplar de "foca gris", de pouco menos de 1,20 metros, debe ser unha cría (nacen en outubro) que se atopaba moi débil, demasiado delgado e con claros síntomas de deshidratación e de fame. Aínda así mantiña a súa agresividade ante a chegada do home, pero aseguran que se estivera sa marcharía de volta ao mar.
Deste xeito, un grupo de Ferrol do CEMMA recolleuna para trasladala á UCI no Museo de Natureza da Sociedade Galega de Historia Nacional, onde será tratada para ser liberada, en canto recupere forzas, ao seu hábitat. O máis probable é que sexa enviada nun pesqueiro ás augas do Gran Sol, precisamente de onde procede.

Chegan do norte

Dende o CEMMA explícannos que non son tan estranas as súas visitas. As focas chegan de forma natural dende o sur de Gran Bretaña ou Irlanda, en viaxes típicas da dispersión da especie. Se ben son animais de augas frías, cada vez son máis habituais as súas visitas por estas latirudes e nos últimos anos ata se viron por Andalucía. Apuntan que arredor dun cento de exemplares se teñen contabilizado nestes últimos 20 anos polas costas da península ibérica, sendo as aparicións más habituais por Asturias, Cantabria ou Euskadi.

Tódolos anos aparecen un par de exemplares e soen chegar en perfecto estado de saúde. Ás veces están ata unha semana descansando e, a pesar da súa agresividade, chegan a intereactuar co ser humano, como acontecía a comezos de ano en Donostia. Logo, desaparecen no fondo do mar, volvendo, normalmente as súas augas natais.

Volvendo aos tempos das Lobeiras

Pode ser, pois, que volvan os tempos de antes. Dende o propio CEMMA lembran que as Illas Lobeiras, na ría de Corcubión, levan ese nome por estes animais, e non polos lobos terrestres. A toponimia ten, case sempre, un significado histórico, e así o refrendan libros históricos de principios do século XIX, como o de López Seoane que indicaba que había zonas en Galicia onde chegaban as focas entre o 1700 e o 1800. Se ben o propio autor non apuntaba estas illas no libro, a tradición popular deixaba ver que si había colonias de crías de lobos mariños.

Así que haberá que ir facer unha visita ás illas para ver se hai focas... e non raposos.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios