Varias asociacións únense na Plataforma pola defensa de Monte Neme

Aquelarre na Eira das Meigas do Monte Neme lugar fundacional da Plataforma

Produtivo foi o Aquelarre que Senda Nova armou polo San Xoán que reuniu na Eira das Meigas a unhas 40 meigas para recuperar a historia do cromleche. Unha cita que serviu de km.0 para a recén creada a "Plataforma pola defensa de Monte Neme”

Son varias asociacións veciñais, culturais, ambientais e deportivas de Carballo e Malpica, as que se xuntan nesta Plataforma co obxectivo de “poñer en valor, promocionar e protexer o patrimonio, o entorno natural-paisaxístico e o valor sociocultural do Monte Neme, situado nas parroquias de Cambre e Leiloio (Malpica) e Cances, Oza e Razo (Carballo).

Imaxe do esquecido Monte Neme-Foto-Pablo Moreira

Un dos seus voceiros, Adrián Eirís, ponnos en contexto: ”A situación de estancamento, incertidume e abandono da explotación mineira, que foron as principais razóns da rotura da balsa norte hai tres anos e o actual bloqueo das actuacións para garantir a seguridade e recuperación do espazo, así como o destrozo da reprodución simbólica do crómlech tamén chamado "Eira das Meigas”, xeraron un sentimento de inquietude e inseguridade que provocou que moita xente do entorno se interesase en tomar iniciativa dende a cidadanía para facerse oir, demandar e esixir respeto e solucións para este entorno a través dun movemento ou colectivo organizado en favor do interés común que poida converterse nun interlocutor válido que faga chegar estas inquietudes ás institucións e público xeral e faga visible a súa situación”.
Ademais da denuncia da situación presente, a Plataforma ten a intención de protexer, recuperar e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, industrial e cultural, tamén inmaterial (testemuños, toponimia e lendas) e facer unha proxección de futuro e recoller os valores e desexos da cidadanía de cara a posibles actuacións futuras no entorno, para que o Monte Neme poida converterse, ou se poida recuperar e ser de novo, como xa foi en tempos pasados, un símbolo e espazo de referencia sociocultural da zona.
No futuro, a medio prazo, ademáis da actividade reivindicativa e de concienciación da súa situación, esperase levar a cabo actividades de coñecemento do monte de primeira man e interpretación do patrimonio e proxectos de coñecemento e recuperación da memoria colectiva do monte.
Pero no corto prazo desexamos dar a coñecer públicamente a iniciativa e abrila tamén á participación de outras asociacións e particulares que se queiran sumar a ela. Para iso, pouco a pouco dotarase de contido á páxina web da Plataforma (monteneme.org) e ponse a disposición o correo electrónico (info@monteneme.org) para obter máis información e adherirse a "Plataforma pola defensa de Monte Neme”.”

Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)