Denuncian que as augas tóxicas do Monte Neme poden causar alzheimer


A Xunta confirmaba esta semana a presencia de augas tóxicas nas balsas do Monte Neme. Hoxe é a Asociación Ambiental Cova Crea, de Corcoesto, a vén de presentar alegacións ao plan de restauración da explotación mineira no monte carballés, denunciando que a Consellería de Industria incumpriu a normativa europea, ao subestimar os riscos para a saúde o contacto da veciñanza de Carballo e Malpica coas augas tóxicas. Sinalan que as altas concentracións de aluminio, entre outros, poden implicar riscos reais e inminentes de xerar a enfermidade do alzheimer, e outras relacionadas coa demencia senil.
Graves consecuencias para a saúde
Focaliza a crítica a entidade medioambiental nas consecuencias graves para a saúde a medio e longo prazo que se poden derivar do contacto coas augas contaminadas con aluminio. E achéganos un estudio dun grupo de investigación italiano dirixido por Pasquale de Sole que descubriu unha relación entre a inxestión de aluminio e a demencia. No seu estudo, mesmo a inxestión de 0,1 miligramos de aluminio ao día, tiñan como consecuencia un maior declive das capacidades cognitivas. Algo que con pH tan ácidos como presentan as augas da mínima, arredor de 4, xera un perigo para a fauna, a flora, e toda a poboación.
I é que a drenaxe ácida ten o potencial de causar devastación con impactos a longo prazo nos ríos, regatos e na vida acuática, e consecuentemente na vida humana. Por iso consideran que a Xunta é responsable de recuperar a zona e non pode “eludir responsabilidades como fixo ata agora”.
E non será fácil, pois os metais como o Aluminio son particularmente problemáticos porque non se destrúen por no ambiente. Sediméntanse no fondo e persisten nos leitos dos ríos, regatos, por longos períodos de tempo, constituíndo unha fonte de contaminación a longo prazo que afecta os insectos acuáticos que viven aí, e aos peixes que se alimentan destes.
Plan de Restauración
Pregúntase a asociación polo Plan de Restauración da explotación mineira Monte Neme, ou máis ben pola súa ausencia, e critican todos espes aspectos:
- 1) Responsabilidade social Corporativa: Como deixar un legado sustentable da Explotación mineira existente? Cal é o legado que deixou a explotación de Monte Neme? Cales están a ser as medidas compensatorias que exixen as Directivas europeas para contrarrestar os efectos gravosos da minería contaminante?
- 2) Ausencia dun Plan de Manexo de Augas Contaminadas.
- 3) Ausencia dun Plan para o Control de Sedimientos e da Erosión.
- 4) Ausencia dun Plan de Saúde da poboación potencialmente afectada. Que sucederá coas concentracións tan anómalas de Aluminio detectadas nas augas do Monte Neme?
- 5) O legado do pasivo gravoso da Drenaxe Ácida da Minería.
Novas relacionadas
- 21-04-14: A Xunta confirma a toxicidade das augas do Monte Neme.
- 11-03-14: Valorados en 140.758€ os danos provocados pola rotura da balsa do monte Neme.
- 24-02-14: Asociacións e oposición alzan a voz contra a mina do Monte Neme e o comparan con Corcoesto.
- 13-02-14: Tragsa empezará a traballar de inmediato no Monte Neme.
- 12-02-14: A Xunta considera controlada a situación no Monte Neme.
- 11-02-14: A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar.
Fonte
- Cova Crea.