Tragsa empezará a traballar de inmediato no Monte Neme


Segue preocupada a veciñanza da Costa da Morte tralo accidente chamado "pequeno Aznalcóllar". A rotura da balsa de auga da mina do Monte Neme puido ser unha catástrofe e xa deixou grandes danos. A Xunta, que non actuara na prevención malia que era un desastre anunciado, sinalou que a situación está controlada e xa se está poñendo a traballar.
Así, a empresa pública Tragsa iniciará “de forma inminente” os traballos necesarios para garantir a seguridade da balsa. As obras consistirán na instalación de dous tubos de drenaxe, que farán a función de aliviadeiros e que garantirán a seguridade na propia explotación mineira, actualmente en desuso, e nos núcleos próximos. A medida, no entanto, será provisional, á espera de acometer un plan integral de rexeneración de toda a zona.
A xefa territorial de Industria, representantes dos dous concellos afectados (Carballo e Malpica) e varios técnicos visitaron onte o punto de rotura da balsa. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os concelleiros de Obras de Malpica e Carballo, Miguel Fernández e Luis Lamas, respectivamente, xunto con técnicos dos dous concellos, vistaron a zona.
A ampla expedición realizou un completo percorrido dende Aviño, un dos lugares máis afectados pola riada que se orixinou debido á rotura da balsa, ata o punto do sinistro, onde fixeron unha completa inspección e determinaron as medidas inmediatas máis axeitadas.
Mentres, a normalidade vai regresando pouco a pouco á zona. O Concello de Malpica acometeu nas últimas horas a limpeza de cunetas de dos viais nos que a auga depositou pedras, barro e maleza ao seu paso. Tamén se retirou barro de varias propiedades privadas e procedeuse á reparación da estrada que comunica os núcleos de Razo e Aviño, que está totalmente transitable. Os labores aínda non remataron, xa que os destrozos en fincas e infraestructuras foron moi importantes, pero a seguridade dos veciños de dos automobilistas está garantida, e todas as zonas afectadas están perfectamente sinalizadas.
Novas relacionadas
- 12-02-14: A Xunta considera controlada a situación no Monte Neme.
- 11-02-14: A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar.
- Unha camiñada para coñecer in situ o proxecto da mina de Corcoesto.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).