“Vós sodes as referentes”
”É unha ilusión que haxa un álbum de mulleres, futbolistas, que moitas de vós non tivestes referentes, entón, as nenas todas que estades aquí, sodes referentes, estades abrindo a porta a outras nenas que vindes despois”.
Estas palabras de Maica Ures, Concelleira de Igualdade do Concello de Carballo define á perfección o sentido e a intención do álbum de cromos do #FUTFEMDACOSTA. Explicábao o membro da familia QPC, Alberto Pose, na primeira das presentacións da rolda deste novo álbum que se celebraba este mércoes 26 de marzo en Buño. “É o momento de apoiar a revolución do fútbol feminino na Costa. Hai 4 anos apenas había 4 equipos en competición, hoxe temos 30 equipos de 23 clubs, e ata 7 colexiadas”, destacaba.
Pose invitou a facer a viaxe entre as Pioneiras que marcaron o camiño dende os anos 60-70, pasando por figuras como María Varela Bardanca, autora do prólogo do álbum, ata chegar ás actuais campionas de Galicia sub11, todas tan protagonistas como as máis de 600 xogadoras que dende xa poden coleccionarse.
Pose agradeceu a colaboración do Grupo As Baleas, patrocinador oficial do álbul, como dos Concellos colaboradores. Neste caso da primeira presentación, da zona de Bergantiños, estiveron presentes representantes municipais dos Concellos de Malpica, Cabana e Carballo (Ponteceso non puido acodir), para facer entrega dos álbumes a cada unha das protagonistas dos clubs UD Cerqueda, Sporting Seaia, SD Cabana, Ponteceso SD, Corme CF, Bergantiños CF B e SD Sofán.
Os concelleiros malpicáns Noelia Freijeiro e Miguel Fernández fixeron entrega dos álbumes ás nenas do Cerqueda, Seaia, Ponteceso e Corme; Daniel Pérez e Maica Ures ás representantes de Bergantiños B e Sofán; e Carlos fixo o propio coas cabanesas.
As caras de emoción das propias rapazas buscándose tras poder mercar os primeiros sobres foi descomunal. Sen dúbida, estes son uns proxectos que vertebran comarca, que fan Costa da Morte.
A xira de presentacións continúa hoxe mércores en Muros (ás 20:00h na Casa da Cultura) e o xoves en Vimianzo (na Casa da Cultura ás 18:00h) e en Dumbría (ás 18:00 no Conco).