Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A atadeira Lola do Corroso e as Danzas Brancas, protagonistas da Feira Mariñeira de Camariñas

A atadeira Lola do Corroso e as Danzas Brancas, protagonistas da Feira Mariñeira de Camariñas
Danzas Brancas en Camarinas As Danzas Brancas tomaron Camariñas

Fin de semana de tradición e mar a que viviu a vila do Encaixe durante o desenvolvemento da Feira Mariñeira "Camariñas, o mar todo". Unha feira que encheu de artesanía e gastronomía a vila, pero tamén de tradición. Máis de 250 gaiteiros e bailaríns de Danzas Blancas foron os principais atractivos da última xornada, que tivo á veterana redeira "Lola do Corroso" á auténtica protagonista da fin de semana, ao levar o primeiro premio “Mar de Camariñas”, instaurado esta primeira edición.

Unha feira que foi inaugurada co pregón dun dos grandes da escena galega como Cándido Pazó.

Candido Pazo deu o pregon da Feira Marineira de Camarinas Candido Pazo deu o pregón da Feira Mariñeira de Camariñas

Lola do Corroso

A atadeira Lola do Corroso Primeiro Premio Mar de Camarinas A atadeira Lola do Corroso

A veterana redeira (atadeira) , de 81 anos, tamén coñecida como "Lola do Nacho”, recibiu o premio en recoñecemento ao seu espírito colaborador en toda unha traxectoria vital vinculada ao mar, nun acto conducido polo xornalista da Radio Galega Marcial Mouzo, camariñán de nacemento, que quixo tamén achegar o seu granito de area no acto de homenaxe "a esta gran muller”. Marcial lembrou aqueles anos nos que Lola comezaba a traballar nas conservas, mentres axudaba ao se marido no barco e mentrs vendía peixe casa por casa. Lembrou tamén a súa potencia para sacar adiante 6 fillos sen parar de traballar, como agora, que segue ensinando o oficio de redeira "a quen queira aprender. Porque para min, máis que unha profesión, isto foi pura vocación”.

Lola do Corroso rodeada de familiares copia Lola do Corroso rodeada de familiares

Danzas brancas

Desfile das Danzas Brancas en Camariñas

O domingo o protagonismo foi cultural, no I Encontro de Danzas Brancas, no que participaron os grupos de Camariñas, Camelle, Cariño, Vilastose, Quintáns, e Coucieiro. Un espectáculo tradicional que fixo as delicias de veciños e visitantes.

Pequenos e maiores ofreceron unha exhibición destas danzas cuxa práctica se remonta aos séculos XVI e XVII e ten as modalidades de Arcos e Espadas. A agrupación de Camelle rescatouna en 1962 e os protagonistas son os mariñeiros e os seus descendentes; en Camariñas tamén a danzan os mariñeiros e, ata agora, limítanse a actuar os días 16 e 17 de xullo, durante as festas en honra á Virxe do Carmen.

A Danza de Arcos de Coucieiro, pola súa banda, lévase practicando desde hai máis de 80 anos e báilase tamén unha vez ao ano, aínda que no seu caso coincidindo co Día Grande do Socorro, no mes de xullo. En Quintáns realizan a Danza de Espadas en honra a San Isidro e esta tradición xa é centenaria, mentres que en Vilastose rescataron o baile en 1986, tras medio século de interrupción, e participan homes e mulleres.

En Cariño, os historiadores contan que a danza naceu en 1762 nun barco na guerra de España contra Portugal, xa que existe un manuscrito de 1803 que narra a súa creación. Nesta localidade a danza realízase en honra á Virxe do Carmen.

Agrupación Cariño nas Danzas Brancas de Camarinas Agrupación Cariño nas Danzas Brancas de Camariñas

Degustacións, microteatro e rutas mariñeiras

Degustacions na Feira Marineira de Camarinas

A fin de semana estivo ademais ateigada degustacións de produtos do mar, con máis de 1.500 racións repartidas de balde. Houbo tamén de teatro coas pezas de micro teatro de Máns Salgadas, a animación polas rúas de Lilicleta e as rutas mariñeiras na goleta "Joaquín Vieta", que foron un gran éxito de afluencia.

Houbo unha exposición de clubs, entre os que destacaron os do Club de Balonmán, o Club de Fútbol de Camariñas, a Asociación das Festas da Virxe do Carmen ou as Cantareiras O Cansorriño, entre outras.

Gaiteros na Feira Marineira de Camarinas Gaiteros na Feira Mariñeira de Camariñas

Comentarios