As Redeiras de Corme, artistas en Cee
Continúa o programa de exposicións mensuais da tenda turística de Cee Stoupa. E faino cunha fermosa homenaxe ás Redeiras da Illa da Estrela de Corme. Esta agrupación de redeiras emprega materiais reciclados —redes de pesca, agullas, ou mesmo flotadores— para a elaboración de bolsos, mochilas, colgantes e demais complementos de moda.
Máis aló da mera exposición dos accesorios confeccionados por estas artesás, os visitantes poderán coñecer tamén as artes de pesca máis habituais das vilas mariñeiras da Costa da Morte así como os materiais e técnicas empregadas para a súa confección. Con miniaturas de nasas de pesca, palangres ou fanequeiras, a mostra ofrece un percorrido pola vida e costumes mariñeiras da comarca.
Dende que en 2012 formasen parte dun programa de diversificación profesional impulsado pola Consellería de Pesca, as redeiras de Corme destinan unha gran parte do seu tempo á creación artesá e á divulgación das súas pezas. Moi apoiadas pola Fundación Galega da Artesanía e o Deseño, viaxan coa súa obra por feiras nacionais e internacionais onde gozan de gran aceptación e recoñecemento.
A mostra poderá visitarse durante todo o mes de maio no novo horario que Stoupa adoptará a partir deste próximo mes: de luns a sábado de 12h a 14h e de 18h a 21h.
Novas relacionadas
- Abril 2017: As Redeiras do Peirao entregan a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo ao Museo do Pobo Galego.
- Outubro 2016: Un aseo, unha necesidade básica cuberta para as redeiras de Malpica.
- Abril 2016: As redeiras de Corme e Malpica especialízanse no interiorismo.
- Novembro 2016: As redeiras de Malpica xa tecen na rede.
Máis novas
- Marzo 2017: A deseñadora ceense Jesica Coiradas expón a súa colección de roupa en Stoupa.
- Stoupa, o novo centro da cultura e artesanía da Costa da Morte
- A arte de Viki Rivadulla está que Stoupa.
- Un estoupido de cultura para a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Stoupa