venres. 28.11.2025
El tiempo

O BNG denuncia a xustificación do alcalde de Cabana ante unha cesión irregular

Casa do Concello de Cabana
Casa do Concello de Cabana
O BNG denuncia a xustificación do alcalde de Cabana ante unha cesión irregular

O Grupo Municipal do BNG de Cabana de Bergantiños vén de lanzar unha denuncia contra o que considera unha "grave deriva do Goberno Municipal do Partido Popular, que parece ter normalizado o cometimento de ilegalidades baixo a escusa de que "é necesario" ou de que "nunca pasou nada"".

A voceira do BNG cabanés, Tatiana Rallén, lembra que o Concello xa leva cobrando unha taxa distinta aos non empadroados a pesar do establecido polos tribunais (sentenzas do Tribunal Supremo), baixo o argumento de “fíxose sempre e nunca pasou nada”.

Desta volta, o BNG denuncia a aprobación no pasado pleno da cesión dunha finca á Asociación Íntegro, por entender que "incumpre os requisitos esenciais de propiedade: a parcela non está segregada, non está rexistrada a nome do Concello e non figura no Inventario Municipal".

"Queremos ser tallante e evitar manipulacións: Estamos absolutamente dacordo en que o Concello ceda esa propiedade a Íntegro para o seu labor social. O noso apoio á asociación é total. Pero votamos en contra do procedemento porque o xeito no que o PP o está a facer é unha ilegalidade manifesta", explica o grupo. "Tal e como indica o informe da Secretaria da Corporación, o procedemento é ilegal ao non estar a finca rexistrada. O camiño correcto sería rexistrar a finca, inventariala e despois cedela con garantías".

Tras consultar fontes xurídicas, dende o BNG consideran que o" acordo é ilegal e nulo de pleno dereito, e calquera pode impugnalo, o que obrigaría a Íntegro a devolver o terreo", e avisan que poder haberá unha "responsabilidade Patrimonial para o Concello e os concelleiros que votaron a favor", así como que poderían ser denunciados por posible "Prevaricación".

En calquera caso, dende o BNG propoñen a cesión inmediata do uso da finca, pero mentres, proceder á regularización da mesma, e "aprobar a cesión de propiedade en canto estivesen os papeis".

"Fanse cousas peores"

Critica Tatiana Rellán que durante o debate Alcalde xustificou a súa actuación coa frase: "Fanse cousas peores". Para o BNG, esta declaración "é inaceptable. Un rexedor non pode xustificar unha ilegalidade dicindo que a lei é secundaria. Iso é propio doutros tempos. A lei aplícase igual para un veciño que quere facer unha casa que para o Alcalde".
 

Comentarios