xoves. 01.05.2025
El tiempo

Carnota xa ten un libro sobre as súas salgaduras

Carnota xa ten un libro sobre as súas salgaduras
Cheo na presentacion do libro As Salgaduras de Carnota Cheo na presentacion do libro As Salgaduras de Carnota

Emotiva sesión a vivida onte no Salón de Plenos do Concello de Carnota, na presentación do libro “As salgaduras de Carnota”. Unha cita presidida polo seu autor Santiago Llovo Taboada, que estivo acompañado neste acto por Lucila Ventoso, en representación da editorial Meubook; Ramón Noceda, alcalde de Carnota e Rosa Quintana, conselleira do Mar.

Ao evento asistiron unhas 150 persoas, tanto veciños e veciñas do municipio como persoas chegadas doutros lugares, interesadas no patrimonio etnográfico e cultural que forma parte dos recursos de interese do Concello de Carnota.

O autor destacou a necesidade de salvar a memoria destes elementos e preservar, para as xeracións futuras, a información e as lembranzas da etnografía industrial sementada na beiramar carnotá. Así mesmo, fixo un percorrido polas diferentes salgaduras que existen ou existiron nas diferentes parroquias de Carnota, detallando as súas características e importancia na economía local.

A explicación do procedemento de investigación e desenvolvemento do libro correu a cargo de Lucila Ventoso, mentres que Ramón Noceda destacou a necesidade de preservar a riqueza etnográfica e cultural do Concello de Carnota, tanto as salgaduras, como as cabaceiras, os muíños… e a necesidade da implicación das administracións na conservación dese legado.

Por último, a conselleira do Mar, destacou a importancia da industria da salgaduraou fábricas de sardiña ao longo do século XIX como anticipo da industria conserveira de Galicia, así como a importancia do labor de conservación da cultura marítima galega.

Santiago Llovo Taboada asinando libros en presencia da Conselleira do Mar Santiago Llovo Taboada asinando libros en presencia da Conselleira do Mar

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios