Diferentes formas de 'Sentir o Mar' en Muros
16:52 12/12/18
Xornada de formación do pasado 24 de novembro
O sábado 15 de decembro celebrarase no Porto e Lonxa de Muros unha nova xornada de 'Sentir o Mar', promovida polo Galp Costa Sostible e apoiada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a Fundación ONCE.
Así, o Galp Costa Sostible fará sentir o mar a distintos colectivos con discapacidade visual a través das embarcacións tradicionais, acto ao que vai a asistir a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Esta innovadora iniciativa xa comezou a xestarse o pasado sábado 24 de novembro, data na que se celebrou na mesma localización unha sesión formativa dirixida aos patróns das embarcación tradicionais do territorio para a adaptación das súas embarcacións e do xeito de navegar con persoas con discapacidade visual.
‘Sentir o Mar’ é o resultante do traballo realizado por un equipo de profesionais do ámbito educativo e social para demostrar que, máis alá da vista, existen un milleiro de formas de experimentar, vivir e transmitir o mar; para documentar e propiciar que persoas con discapacidade visual se acheguen, gocen e sintan o mar tendo a oportunidade de formar parte dela a través da navegación tradicional.
Deste xeito, esta iniciativa é unha aposta máis do Galp Costa Sostible por un desenvolvemento inclusivo no territorio, apostando neste caso pola transferencia dos coñecementos que poden transmitir os patróns das embarcacións tradicionais a este colectivo, e demostrando que a inclusión debe estar presente en tódolos ámbitos, elixindo neste caso o patrimonio marítimo.
Velaquí o programa que se vai desenvolver este sábado:
11:00-11:45_PRESENTACIÓN
_ Vídeo da pasada xornada Sentir o Mar celebrada en Aguete o pasado xuño.
_ Presentación do evento por parte da alcaldesa do Concello de Muros, María Xosé Alfonso.
_ Intervención de Rocío Gómez Juncal, coordinadora do Proxecto Sentir o Mar.
_ Proxección do Vídeo do Proxecto Sentir o Mar.
_Intervención de Pablo Mariño, Xerente da Axencia de Turismo Mariñeiro Bluscus que explicará as súas experiencias a inclusividade e a potencialidade de futuras experiencias a partir do material que se presenta no evento.
_ Intervención de José Ángel Abraldes, Director do Centro de Recursos Educativos da ONCE
_ Intervención de Dna. Rosa Quintana, Conselleira da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
12:15-14:15h_NAVEGACIÓN
Navegación en embarcacións previamente formadas na adaptación das mesmas a para persoas con discapacidade visual.
14:30-16:00h_PETISCO
Petisco para favorecer a convivencia entre os/as patróns/as e mariñeiros/as das embarcacións e a tripulación convidada (afiliados/as á ONCE, familias e participantes directos e indirectos no proxecto Sentir o Mar).