Limpando areas e lagoas a pé e dende o despacho


Esta fin de semana foi data reivindicativa tamén a nivel medioambiental, cunha acción directa sobre o eido natural e outra de despachos. No marco da V Limpeza Simultánea de Praias e Lagoas Litorais de ADEGA, as entidades Contramínante e Senda Nova enviaron un comunicado dirixido a Portos de Galicia, a Demarcación de Costas, ao Concello e á Confraría de Pescadores de Laxe para informar do “sucio estado do porto e da praia, solicitando que poñan medidas para conseguir un cambio de prácticas e de conciencia no sector do mar, así como en toda a poboación para reducir os residuos na costa e evitar o deterioro do noso litoral”.
Dende as entidades ambientalistas denuncian “as malas prácticas no tratamento dos residuos no porto de Laxe. De cotío no peirao hai acumulacións de cordas e lixo pequeno que non se recolle, procedente das labores de limpeza e mantemento das redes. O vento encárgase de levar os restos de cordas botando todo ao mar para que as ondas as depositen na praia. Porto, auga e praia convértense nun mar de plástico”.
Sendo conscientes de que “o lixo mariño é unha das maiores problemáticas ambientais do planeta, estando demostrado que provoca graves consecuencias sobre os ecosistemas mariños, así como numerosas mortes de aves, mamíferos e tartarugas. Ademais, os problemas asociados á presenza deste lixo nas nosas praias causa perdas económicas, provocando a diminución da pesca e do atractivo turístico e recreativo das nosas costas, supoñendo un gasto de limpeza para as administracións”.
Por todo isto, as entidades solicitan que as autoridades pertinentes tomen nota e realicen actuacións para erradicar estas prácticas.
Limpezas en Louro e Traba

Unha vintena de bravos voluntarios animáronse a aproveitar o sol para facer unha limpeza de dous dos espazos con máis valor ambiental da nosa bisbarra. Unha ducia de persoas das entidades Contraminate e Senda Nova xutáronse á beira da lagoa de Traba mentres polo sur, xentes de ADEGA facían o propio na lagoa das Xalfas, en Louro.
Só na lagoa laxense o total de material recollido supera os 200 kg. Entre o lixo retirado destacan os plásticos, bidóns, madeira, produtos metálicos diferentes restos de artes de pesca, así como rodas ou electrodomésticos.


Os cativos de Fisterra
Non foron as únicas entidades que se animaron a coidar a natureza. Os pequenos do CEIP de IES Fin do Camiño tamén participaron da limpeza acodindo á praia de Sardiñeiro a retirar o lixo máis contaminante.


Novas relacionadas
- Novembro 2016: Senda Nova afianza a súa necesaria aposta pola formación ambiental.
- Outubro 2016, Limpeza de Ríos: Senda Nova mollouse polo Anllóns.
- Setembro 2016: Recollen máis de 300 quilos de refugallos plásticos da praia de Baldaio.
- Decembro 2015: Dende a comisión Europea de Pesca ata os Concellos reciben a Mensaxe do Mar.
- Xuño 2015: A Costa da Morte foi a zona con máis conciencia na Limpeza Simultánea de Praias.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).