Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O velerio adaptado Laion de COGAMI sae un ano máis a navegar pola ría de Camariñas

O veleiro Laion realizará durante estes días varias saídas nas que máis de 75 persoas experimentarán a navegación a vela
O velerio adaptado Laion de COGAMI sae un ano máis a navegar pola ría de Camariñas

Un ano máis, e xa van vinte e un, o veleiro adaptado Laion de COGAMI sae navegar pola ría de Camariñas para brindar a experiencia da navegación a vela a moitas persoas que, sen esta oportunidade do Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada), seríalles imposible experimentala.

O proxecto naceu en 2002 tras ser incautado o veleiro ao narcotráfico para ser cedido en garda e custodia á asociación Adisbismur que forma parte de COGAMI (Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros). Dende entón, esta embarcación, fomenta a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico deportivas ao estar dotada de adaptacións que permiten embarcar a persoas con mobilidade reducida. Para poder levar a cabo esta edición, o proxecto conta co apoio financeiro da Axencia Galega de Turismo.

Con base no porto de Muxía, o Laion, sempre que o tempo o permita, ten programadas saídas dende o 6 ata o 15 de setembro, con quendas que se distribuirán en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. En cada unha destas travesías participarán, acompañadas dun monitor ou monitora, 5 persoas usuarias e socias de distintas entidades membro ou centros de COGAMI. En total, durante esta edición navegarán 75 persoas que se achegarán ata Camariñas dende diferentes localidades de Galicia como Santiago de Compostela, A Coruña, Muros, Silleda, Arzúa, Val do Dubra e Ourense.

O primeiro grupo en participar foi de persoas usuarias do Programa Integral de Actuacións para a Promoción da Autonomía Persoal e a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI en Compostela. Onte, xoves, participaron usuarias da entidade Adisbismur da bisbarra de Muros. Hoxe, durante a mañá, asistirá un grupo do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, Silleda, e durante a tarde persoas asociadas da entidade Alcer Coruña. O día 12 será a asociación Amarai de Arzúa e Terra de Melide quen navegue pola mañá, mentres que o día 13 de setembro durante a mañá asistirá a entidade de esclerose múltiple Acem Compostela e á tarde un grupo do programa do CEGADI. O 14 de setembro a entidade Avante de Val do Dubra navegará pola ría, e pola tarde a entidade de Ourense Aixiña. O veleiro rematará as saídas deste ano coa asociación Íntegro que navegará o día 15 de setembro de mañá e de tarde.

Un veleiro adaptado

O Laion, de 13 metros de eslora, conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

Cunha tripulación formada por 3 persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo para que se poida desenvolver este programa Galicia Vela Adaptada, o proxecto tanto achega a navegación ás persoas con discapacidade como tamén contribúe nasensibilización, concienciación e inclusión social.

Comentarios