16 establecementos participan na campaña de promoción do comercio local "Namórate de Mazaricos"
O Concello de Mazaricos, en estreita colaboración co tecido comercial do municipio, pon en marcha unha nova edición da campaña "Namórate de Mazaricos". Esta iniciativa, centrada nos días previos ao 14 de febreiro, ten como obxectivo principal apoiar e dinamizar o comercio de proximidade, ofrecendo á veciñanza un incentivo directo e inmediato para as súas compras.
A mecánica é sinxela e transparente: a clientela que realice as súas compras en calquera dos 16 establecementos adheridos recibirán unha tarxeta "rasca" coa que poderán acceder de forma directa e sen ningún tipo de sorteo a un vale de compra. "Trátase de agradecer á veciñanza a súa confianza no comercio local cun obsequio inmediato, eliminando calquera dúbida ou incerteza", explica a organización.
Para Jorge Villar, tenente de alcalde de Mazaricos, esta campaña vai máis alá dunha simple promoción comercial: "‘Namórate de Mazaricos’ é unha iniciativa de apoio ao comercio local, ao de proximidade, ao que xera riqueza aquí e fai comunidade". O edil destacou tamén o agradecemento aos comerciantes pola súa colaboración un ano máis, permitindo seguir "promocionando o noso".
Comercios participantes
Os establecementos que participan nesta edición e que invitan a "namorarse" do que ofrecen son os seguintes:
- Casa Senra
- Supermercado Letri
- Panadería Maroñas
- Rosa Moledo
- Calzados Peteyra
- Peluquería Corto y Cambio
- Óptica Mazaricos
- Peluquería Princess Deluxe
- Muebles Tanexo
- Panadería O Peto
- R&C moda
- A Casa de Daniel
- Katallana Boutique
- O Teu Lavaroupa
- Muebles Pinares
- Panadería Jurjo
A campaña estará activa ata o 14 de febreiro, invitando á veciñanza a
descubrir a variedade, calidade e trato persoal que ofrecen os comercios da
súa propia localidade.