4000 tractores colapsan Santiago
13:56 08/09/15
Un tractor de Mazaricos lidera a tractorada de Compostela do sector lácteo
Onte, luns 7 de setembro, era o primeiro día dunha semana de completa mobilización do sector lácteo galego. Milleiros de gandeiros deixaron as súas vacas na casa, colleron o seu tractor dende calquera punto de Galicia e viñeron en procesión ata Compostela, para participar nesta tractorada, a máis grande nos últimos 30 anos.
Máis de 150 dos 4.000 tractores (800 para a delegación do Goberno…) que hoxe colapsan a capital galega son mazaricáns, pois esa etiqueta de #AVaquiñapoloquevale xa é un lema asumido por todo o sector. Son 10 quilómetros da capital, zonas como Salgueiriños ou a Avda. de Lugo, tomados polas enormes rodas dos John Deere, todo un símbolo. Á cabeza, un tractor de Mazaricos co alcalde Juan José Blanco de copiloto, que asegura que están en loita “para que as administracións se poñan en contacto con nós na procura dunha solución”, e que recorda que “están dispostos a utilizar medidas de presión máis contudentes”, se non hai resposta.
Os propios Gandeiros de Mazaricos e de Santa Comba entenden como un éxito absoluto a primeira xornada de manifestación, demostrando “unión e forza”. Cortaron ducias de zonas, e recibiron o aplauso de centos de veciños composteláns que no canto de cabrearse, entenderon o sentido e a necesidade desta loita.
Mesmo houbo grupos de gandeiros que se achegaron a Día e Carrefour, para bloquear o seu traballo, unha vez que son dúas das distribuidoras que non asinaron o acordo previo.
A presión é clave estes días, pois este xoves terá que aprobarse un acordo no Ministerio entre industria, distribución e produtores. Un acordo que ten que garantir uns prezos que cubran os custos de produción para o gandeiro e debe estar respaldado cun decreto polo Goberno para que sexa de obrigado cumprimento, con sancións incluídas, e con carácter inmediato.
A gran mobilización do xoves 10
Se estes días xa hai 4.000 tractores, que pasará en Compostela xornada do xoves 10 de setembro). Ese día é o gran día, o da gran mobilización por Compostela, para o que ademais, o Concello de Mazaricos porá autobuses. Podes chamar ao Concello (981867104) para apuntarte e axudar a facer presión. O xoves, o punto de encontro para os tractores de Mazaricos é ás 9 do luns nas Maroñas, para chegar a Santa Comba ás 10 e a Santiago ás 12. Da Alameda sairán unha Manifestación a pé, para realizar unha concentración diante do edificio da Xunta de Galicia, en San Caetano.Novas relacionadas
- 07-09-15: #AVaquiñapoloquevale: Mazaricos lidera as mobilizacións por un prezo mínimo do leite.
- Máis de 5.000 tractores invadirán Santiago durante tres días.
- Os gandeiros saen a rúa en Santa Comba
- A Xunta critica as mobilizacións anunciadas polo sector lácteo
- “A asociación de gandeiros de Mazaricos nace pola necesidade de unión que ten este sector”
- Mazaricos crea a súa Asociación de Gandeiros
- 9 alcaldes da zona reúnense en Santa Comba para amosar o seu apoio unánime ó sector lácteo.
- Juan José Blanco: “O 90% de Mazaricos depende do sector gandeiro”.
- Ucha Velo: “Hai que ter claro que os veciños son sempre os teus xefes”.
- 06-07-15: 15.000 litros de leite ao chan contra o secuestro das industrias lácteas.
- 17-06-15: Os novos alcaldes de Mazaricos e Santa Comba moven ficha polo sector gandeiro.
- 28-04-15: 11 alcaldes da Costa da Morte asinan manifesto de apoio aos produtores de leite.
- Os gandeiros piden sancionar a quen venda leite por debaixo do prezo de mercado.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])