Domingo. 17.11.2019
El tiempo

A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos

A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos

Recordan hoxe dende o Concello mazaricán unha historia ben fermosa da historia. Suso Jurjo, técnico municipal, fala en clave persoal dunha fermosa historia municipal, que ten como protagonista ao xurista José Reino Caamaño.

”O Xurista mazaricán José Reino Caamaño e a construción da Casa da Concello”, por Suso Jurjo

Jose Reino Caamano-Xurista de Mazaricos Jose Reino Caamaño

Un dos feitos que máis contribuíu a que A Picota sexa o que é, unha pequena vila capital de concello, foi a construción da Casa Consistorial nos últimos anos da década dos cincuenta do século pasado. Esta iniciativa tivo un longo proceso que encetou en 1952 Benito Jurjo, meu bisavó, coa doazón dos terreos necesarios para esta nova infraestrutura. Con estes antecedentes imprescindibles, o proxecto empezou a tomar corpo coa chegada á alcaldía de Fructuoso Pérez Alvite, o “Cirolán de Suevos”. En xuño de 1956 apróbase o proxecto definitivo da nova edificación e o 6 de novembro adxudícaselle a realización da obra ao construtor noiés Antonio Mato Blanco. O 19 de novembro recoñecese o terreo, o 30 do mesmo mes comezan as obras de explanación, e o 9 de xaneiro, xa do ano 1957, colócase a primeira pedra e iníciase a construción do edificio.

Edificio que despois de dúas revisións do proxecto á alza, custou 2.245.041,23 pesetas, cantidade que excedía a capacidade orzamentaria do Concello. Para saír do “gharamelo”, a corporación ademais de solicitar as consabidas subvencións aos entes superiores, decidiu pedir un crédito de 500.000 pesetas á “Caja de Ahorros y Monte de Piedad” de Santiago de Compostela. Para tratar desta posibilidade coa presidencia da citada entidade, nomeouse unha comisión formada por varios concelleiros. E alá foron, a Santiago, expor o seu problema. O presidente da Caixa despois de oír atentamente o requirimento dos munícipes, díxolles algo parecido ao que segue: “Tratándose de Mazaricos, se a entidade que eu presido non tivera os fondos necesarios, que non é o caso, pediríallos a quen fora preciso, pero esa obra non quedaría sen construír”. Diante de tamaño ofrecemento, os nosos representantes preguntáronlle cal era o motivo de tanto interese, ao que lles contestou, que el tamén era de Mazaricos e que faría todo o que estivera na súa man para que lograran os seus obxectivos. Aquel presidente era José Reino Caamaño, e ningún dos comisionados sabía da súa orixe mazaricá. Así mo contou José Otero González, señor José do Riolo, que por aqueles tempos era concelleiro e formara parte da aludida comisión.

Pero quen era o tal José Reino Caamaño?

Como el mesmo lles aclarou aos representantes do Concello, nacera no lugar de Insua o 21 de abril de 1882, fixo 134 anos o xoves da semana pasada. Os seus antecedentes familiares nada tiñan que ver con Mazaricos, o seu nacemento entre nós estivo motivado pola profesión de médico de seu pai, destinado nestas terras por aquel tempo. Aquí pasaron algúns anos antes de trasladarse á Coruña. Alí cursou estudios medios e despois, en Santiago, a carreira de dereito. Xa licenciado foi sucesivamente xuíz de primeira instancia nos xulgados de Vilalba, Lalín e Betanzos. Fixo unha boa voda coa dona do Pazo de Cores, situado no veciño Concello da Baña. No ano 1933 acadou posto de maxistrado na Audiencia Provincial da Coruña. Deixou a xudicatura e abriu un sonado bufete de avogado. Foi varias veces deputado no parlamento da II República, sempre dende posicións conservadoras. Co estoupido da Guerra Civil acadou resonancia entre as filas progresistas, xa que se atreveu a defender a varios republicanos nun consello de guerra. Xuízo no que veu a dicir cos verdadeiros criminais eran os acusadores. Feito polo que foi multado e, a pesar de que sempre estivera considerado un home de orde, conservador e temeroso de Deus, tivo que agocharse durante unha tempada. Que non fora o demo!

En 1940 empezou a impartir clases como profesor na facultade de dereito da Universidade de Santiago. Como xa dixemos, foi presidente da Caixa de Aforros da Cidade do Apóstolo, e ao longo da súa vida recibiu numerosos honores e distincións. Morreu no Pazo de Cores o 2 de xaneiro de 1964. Mais alá dos anos da primeira infancia e da anécdota antes relatada, a súa relación con Mazaricos debeu ser escasa ou inexistente.

Imaxe do Concello de Mazaricos Imaxe do Concello de Mazaricos

Volvendo á Casa Consistorial de Mazaricos, rematouse no 1960 e inaugurouse o 6 de abril do mesmo ano, sendo alcalde José Fernández Montáns, o Cabrexo de Beba. O préstamo, cos correspondentes intereses, devolveuse relativamente pronto, grazas aos cartos que o Concello cobrou pola expropiación de camiños e outras propiedades municipais asolagadas polo Encoro da Fervenza.

Ou alguén pensou que debido a tanto interese e tanta amizade a cousa ía ser doutro xeito!

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios