A Semana Gandeira de Mazaricos bate marcas de calidade e cantidade


Se cando dicimos que Mazaricos é a capital e a Cibeles do sector gandeiro galego é por algo. O Recinto Feiral da Picota, recibía esta fin de semana máis de 2.000 persoas chegadas de todas partes da xeografía galega, para a Semana Gandeira de Mazaricos, unha cita imprescindible para o mundo do agro. Dous días cargados de asuntos profesionais (con Xornadas Técnicas de primeiro nivel e unha das Poxas de xovencas máis famosas do país) e unha marea de actividades para todos os públicos.
IX Poxa de Gando Frisón con animais de elite

A gran cita desta Semana Gandeira sempre é a Poxa de Xovencas. E como non podía ser doutro xeito, centos de gandeiros achegáronse á cita para poxar polos 26 animais que se presentaban. O director técnico de Africor, José Moreira, conductor da poxa, esforzouse en subliñar o nivel de perfección que acadaron as vacas nas granxas galegas. “Xa non é preciso ir fóra para ter animais de alta calidade: non hai que ir a Alemaña nin a Suíza, están na granxa do teu veciño”, explicou. Ao fío disto engafiu que “fomentar o mercado a nivel Galicia tamén é un xeito de favorecer o sector”.
Ningún dos animais baixaron dos 1800€, sendo a poxa máis tensa a que tiña por protagonista unha Megabimba de SAT A Campa de Curtis. A xovenca, nacida en agosto de 2015, chegou ao “ring” de subasta cunhas cualidades morfolóxicas, xenealóxicas e de mellora xenética envexables e a un prezo de 2300€. Todo o público tivo claro que aquela era a vaca da mañá. E foron subindo, de 50 en 50 euros, sen demasiadas pausas entre poxa e poxa ata chegar aos 3650€. Moreira pediu un forte aplauso para o gandeiro pois “soubo valorar o salientable animal” que era a xovenca. Deste xeito, supera moito o prezo máximo do ano pasado, que saíu do ring por 2550€.
Polo demais, a gandería Nuveira de Mazaricos colocou a bo prezo aos 3 animais que levaba á poxa: 2200€, 2000€ e 2500€, o que supón unha boa mañá para os locais.
Ao final da poxa, que durou arredor de tres horas e media, levouse a cabo un gran sorteo en lotes e produtos por valor de 2000€.

As Xornadas Técnicas
A fin de semana completouse cun sábado doble: As xornadas dos pofesionais, e unha batería de actividades para toda a familia,

As xornadas técnicas abrían as portas con Alejandra de la Barrera, responsable Grupo PS Vet Dairy- Quality S.L, e a súa charla sobre pautas para mellorar a calidade do leite. Tras ela foi o turno de Mónica Barrio e Ismael Fernández, veterinarios de Xénese, Equipo de Transferencia embrionaria. Xa non eran novatos en Mazaricos pois veñen de impartir un curso de inseminación teórico e práctico nesta materia pioneiro no Concello.
Logo dunha pausa para café, o director de BancoAgro (ABANCA), Jesús Combarro, aportou claves e datos para a elección do banco por parte dos gandeiros. Tras iso foi o turno do director da división de Servizos Agrogandeiros de CLUN, Ángel Miranda que fixo unha reflexión sobre se o sector vai no bo camiño. Abordou temas desde os forraxes, ao gasto en infraestrutura ou a eliminación de reses.
Manuel Rondón, xefe de vacún leiteiro de Nanta deu pautas para manexar e nutrir ás becerras do nacemento á cubrición. Pechou a sesión Albino Iglesias, veterinario do servizo de Alimentación de Seragro S. Coop. Galega cunha didáctica presentación con vídeos e imaxes sobre que poden facer os gandeiros fronte ao estrés por calor.
Clausuraron a xornada o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro e a consel- leira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Blanco subliñou a importancia este tipo de xornadas “para que as persoas das explotacións gandeiras podan incluír novas técnicas nas súas explotacións, porque sería imposible concibir Mazaricos sen a gandería e a agricultura”. Pola súa banda, a conselleira reiterou aos gandeiros o seu compromiso para frear a directiva europea que afecta aos puríns e que esixe deixar de aplicar purín nas fincas sen que teña contacto co aire. Vázquez subliñou que “imos intentar por todos os medios que non haxa que aplicala para o ano, porque non ten sentido no caso galego, estamos facendo reclamacións catro comunidades autónomas”.
Tarde para a a familia

Novas relacionadas
- A Poxa de Gando Frisón, a Cibeles do sector gandeiro galego.
- Unha Semana Gandeira para darlle vida ao rural.
- Mazaricos armou un pioneiro curso de inseminación de vacas.
- Semana Gandeira 2016: A Semana Gandeira uniu a todo Mazaricos.
- Semana Gandeira 2015: MZ: A Gandeiría como forma de identidade.
- Semana Gandeira 2015: “Na semana gandeira de Mazaricos participamos todos”.
- Mazaricos crea a súa Asociación de Gandeiros
- Un concurso de fotografía do máis gandeiro
- Juan José Blanco: “O 90% de Mazaricos depende do sector gandeiro”
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).