![ana ponton mazaricos]()
A líder do BNG, Ana Pontón, realizou onte unha visita institucional a Mazaricos
Regresa á Costa da Morte a
portavoz nacional do BNG - Ana Pontón -. Se a semana pasada
se reuniu co comité de empresa de Ferroatlántica onte tocou outro punto importante da economía da bisbarra: o sector leiteiro. E para fixo unha visita institucional ao Mazaricos xunto co deputado Xosé Luis Rivas onde mantiveron un encontro con Joán José Blanco - alcalde de Mazaricos -, membros do goberno municipal, Óscar Blanco - presidente da asociación de gandeiros - e Jorge Jurgo - da asociación de hostaleiros -.
Pontón trasladou ao goberno local as propostas que o BNG levará á Cámara en canto arranque esta lexislatura, “a primeira das cales pasa por
garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da administración no mercado para evitar o
dumping que se da neste sector”, a través das industrias e da grande distribución que extorsionan aos gandeiros.
“Hai tres datos que son clarificadores da delicada situación do sector: os gandeiros e gandeiras deste país seguen cobrando o prezo máis baixo do leite en todo o Estado, sete de cada dez explotacións leiteiras que pecharon en 2015 eran galegas e desde que en 2009 chegou Feijóo á Xunta botaron o peche 4.300 explotacións”, indicou a tamén portavoz parlamentaria.
Fracaso do acordo leiteiro
Neste sentido, lembra o fracaso anunciado do acordo asinado fai máis dun ano en Madrid. T
ras semanas de mobilizacións nas rúas, nas que os produtores de Mazaricos, co apoio explícito do alcalde, xogaron un papel clave, “díxoselles que ese acordo era a solución para acadar prezos xustos e a día de hoxe a situación é igual ou peor, coa mesma indefensión ante a industria, cos prezos máis baixos e sen apoio a un sector estratéxico para o país”. “Esta situación ten que cambiar para sacar adiante un sector estratéxico para este concello e para o conxunto do país”, alegou Pontón, “non só a efectos económicos e de emprego senón tamén de equilibrio territorial e para frear o abandono do medio rural”.
O propio rexedor de Mazaricos destacou durante o encontro que
o concello ten neste momento 400 explotacións gandeiras, “pero senón se toman medidas que fagan mudar o rumbo, en dez anos haberá menos da metade”, advertiu, co que iso significa para un concello con gran peso do sector do que, indirectamente, tamén se nutren outros, como a hostalería e pequeno comercio local.
Pontón tamén salientou que
o BNG aposta por favorecer a transformación de produtos lácteos que xeren valor engadido e incrementen o nivel de ingresos das explotacións. Desde a administración pública “hai que impulsar ir máis aló da venda de leite en bruto, é preciso apostar por xerar industria transformadora porque implica máis riqueza e máis emprego”, alegou a deputada, un aspecto no que tamén concorda o rexedor de Mazaricos.
Na xuntanza abordaron outras cuestións que preocupan ao concello, como as
dificultades de mobilidade entre municipios limítrofes e con cidades como Santiago, debido a falta dun servizo eficaz de transporte por estrada con horarios e prezos adecuados. Un aspecto fundamental para darlle calidade de vida a concellos como Mazaricos e frear a despoboación imparable dos últimos anos, que no caso deste municipio se traduce nunha perda de case o 50% da poboación en apenas unha década.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG