A Campaña Mundial pola Educación leva a igualdade no ensino a 3 centros costeiros
Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación. E nada mellor que celebralo dende a base, dende os centros de ensino. Son 3 os colexios costeiros que se unen á esta plataforma global: o CEIP Milladoiro de Malpica, o CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) e o CEIP Víctor Saenz de Antes (Mazaricos), ademais dos CEIP Raquel Camacho (Coruña) e CEIP San Xosé Obreiro (Meicende- Arteixo) da área herculina.
Baixo o lema #SAMEaRitmoDeIgualdad, os centros participan das diversas iniciativas para mobilizar á cidadanía e concienciar sobre o acceso igualitario á educación, á formación universitaria e á posterior inserción laboral, participando en xornadas de sensibilización e diversos talleres lúdicos a través dos cales se busca abordar as disparidades de xénero e transformar os estereotipos e as prácticas educativas prexudiciais.
Do global ao local
Se a liña editorial de QPC é focalizar a información no hiperlocal pero sempre dende unha perspectiva comarcal, a CME parte do global para chegar ao local.
A nivel galego, o movemento centrará esforzos en problemáticas maáis locais, como “a menor presenza de mulleres docentes no ámbito universitario e a baixa inclusión feminina na carreiras de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, as coñecidas STEM”, como sinala voceira da coalición galega da CME, Mónica Viqueira.
Así, a campaña recolle cifras tan comprometidas a nivel estatal como que só un 0,5% das mulleres españolas cursaron estudos tecnolóxicos, e tan só o 19,7% das posicións de especialistas en tecnoloxías están ocupadas por mulleres.
No ensino concretamente o último informe publicado correspondente a curso 20-21, as mulleres son ampla maioría no mestrado do sistema educativo (un 67,2%), porén ocupan só o 42% do ensino universitario, tanto en España como en Galicia.
SAME
A SAME é unha semana onde os máis de 124 países nos que está presente a CME se mobilizan para chamar a atención sobre a necesidade de facer real e efectiva o dereito a unha educación de calidade.
En Galicia, realizaranse varias actividades tanto na Universidade de Santiago de Compostela (24, 25 e 26 e 28 de abril) e a Universidade da Coruña (8 e 11 de maio). As actividades transcenderán máis aló da SAME e contarán cun acto no parlamento galego o 6 de xuño de 2023, no que participarán diversos centros escolares.