Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais

Entruideiros de Arcos no entroido mazaricos 2020
Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais

Todo está preparado para que os distintos grupos que compoñen a Gran Comparsa dos Entroidos Tradicionais de Mazaricos comecen o seu percorrido polos distintos núcleos do municipio. Este vindeiro domingo 16 estarán nos lugares da parroquia de Arcos. O sábado 22 pola mañá abordarán a unha das súas saídas máis clásicas, asistindo á feira A Picota e desfilando por moitas das rúas da capital municipal. O mesmo día pola tarde participarán nas actividades que o Concello programou no Multiusos Municipal e no Campo da Feira. Ao día seguinte, 23 de febreiro, visitarán varias parroquias do territorio mazaricán: Colúns, Beba, Corzón,... Rematando as súas accións carnavalescas o 1 de marzo contribuíndo á animación da "XXII Festa do Bolo do Pote" que, como cada ano, se celebrará en A Picota.

Aínda que a parte rectora dos entroidos tradicionais de Mazaricos segue en mans dos mozos e non tan mozos da parroquia de Arcos, este ano contan coa colaboración da xuventude doutras freguesías do Concello. Están implicadas na súa organización moitas persoas a título individual, a Asociación de Amas de Casa Mazaricos, e sobre todo a Asociación de Veciños “O Souto” de Arcos, que mantivo viva esta tradición desde que foi recuperada do esquecemento en 1993.

O "Entroido" de Mazaricos, con ingredientes comúns a outros entroidos tradicionais galegos e mesmo europeos, tamén ten as súas peculiaridades. Máis que na orixinalidade dalgún elemento concreto, destaca pola fusión de aspectos de orixe moi variada nunha representación de gran unidade e estrutura moi ben armada. Onde a unha parte seria e bastante ríxida protagonizada polos desfiles do "Exército dos Panos" e a actuación da parella de baile e do grupo de "cantantes", séguenlle outras dúas moi anárquicas e críticas: a “Tropa dos Vellos” coa súa palabras e posturas irreverentes, e o “Coro dos Cegos” coa súa verborrea subversiva. No seu conxunto parece algo así como a montaxe das dúas caras da sociedade, unha oficial e ritualista e outra anárquica e revolucionaria.

Así foi a chegada dos Entruideiros de Arcos hai 3 anos:

Novas relacionadas

Comentarios