Ismael Ramos gaña o V Premio de Xornalismo Lueiro Rey
O xurado destacou que o artigo se axusta "ao contido social que se demanda na convocatoria do premio e responde a unha temática de grande actualidade". No artigo, segundo o xurado, o autor "aborda e visibiliza a homofobia desde o relato da vivencia dun mozo que a padece ao longo da súa vida mais tamén denunciando a discriminación e a violencia que se exerce contra as persoas do colectivo lgtb+”.
No artigo, apuntan, o autor introduce a figura da nai do protagonista como "contrapunto á violencia contra as persoas que defenden a súa liberdade sexual". "O apoio, o afecto, mais tamén o medo da nai son, sen dúbida, un elemento de grande interese que transmite emoción e ofrece unha perspectiva singular e unha visión moi persoal á hora de achegarse á violencia sexista", anota o xurado.
Mentres tanto dáme a man
Cando era pequeno, a man de miña nai non sempre estaba suave. Durante longas tempadas, os produtos de limpeza agretábanas e ulían a crema hidratante. Fun un neno especialmente medroso, asustadizo. “Dáme a man”, dicía mamá. E podiamos estar na fileira dun supermercado, a piques de subir a un carrusel ou agardando no paso de peóns dunha estrada xeral. As mans de miña nai salvábanme de calquera perigo, espantaban o medo coma quen varre faragullas de pan nun mantel.
O outro día, falando con ela por teléfono díxome: “Tede coidado”. Eu acababa de chegar dunha viaxe co meu mozo, recendía a verán e iamos cear fóra. Dous días antes, en Vigo, unha parella de rapaces recibira unha malleira no centro da cidade despois de bicarse pola rúa. É difícil ter coidado. Miña nai non mo di, pero gustaríalle dicirmo: “Non vaiades da man, por favor”. Non mo di porque me quere. E nin sequera é necesario que mo diga, porque nós xa estamos acostumados a soltarnos da man. Cruzámonos cun señor que parece que nos mira, cun grupo de adolescentes, cun ancián que semella molesto e desanoamos os dedos ata que pasan de longo. É rápido, tácito, sen explicacións. Un instinto de supervivencia, o terror adestrado durante anos ante a palabra maricón cuspida da boca de homes coma eses. Ás veces, cando nos volvemos coller sentimos vergonza. Por suposto que sentimos vergonza, covardía. A mesma vergonza que sinte miña nai cando me pide que teñamos coidado. E por iso non di nada, non dicimos nada.
Na viaxe, coma en todas as viaxes, ao chegar ao hotel rezamos para que non nos preguntasen se preferiamos que a habitación dobre tivese dúas camas. Non sempre pasa, pero algunha vez sucede que o recepcionista se sorprende e entón, como cando imos pola rúa, chega o momento de sopesar que pode máis: se o medo ou o cansazo. Porque tanto odio dá medo e cansa a partes iguais. Cansa un pouco cada día, acumúlase. Váisenos formando un nó no estómago, un niño de paxaros... E entón: ou os cuspimos fóra ou nos comen por dentro.
No 2021, en España, só un 10% das denuncias por delitos de odio remataron en condena. Mentres, as agresións ao colectivo LGTB+ aumentan: o asasinato de Samuel Luiz na Coruña, o intento de homicidio contra unha muller transexual en Lugo, un bico en Vigo. A xustiza non é cega, simplemente non nos mira.
Cando colgo o teléfono, penso que non quero ser coma eles, que non escollerei o medo, a rabia. Penso nas mans de miña nai, no seu recendo. Un poeta ao que admiro
escribiu: a forza do noso amor non pode ser inútil. Outro dixo: mentres tanto dáme a man. Saímos á rúa e buscamos un restaurante onde cear. Ás veces paseamos durante demasiado tempo e van pechando as cociñas. Collemos unha pizza e sentamos nunha praza. Eu pido un bico, aínda que os bicos non se piden. Cando nos erguemos, busco os dedos do meu mozo. Ás veces sinto que somos como as pólas das árbores que medran sen tocarse, que todo estaba planeado ás nosas costas para que isto sucedese, esta felicidade de mirarnos aos ollos. E sei tamén, porque mo ensinou miña nai de pequeno, que cando nos collemos da man antepoñemos a liberdade ao medo. E quizais isto ela non o saiba, pero ser queer é antepoñer a liberdade ao medo. Un día máis, aquí, agora, mentres tanto.
- Ismael Ramos.
Novas relacionadas
- 2022: Ismael Ramos: “Lixeiro busca abrazar a vida a toda costa, pero tamén fala dunha xeración en crise, dunha identidade en crise”.
- Xaneiro 17: Os fillos da fame de Ismael Ramos, Mellor Libro de Poesía do 2016 para Fervenzas Literarias.
- Marzo 2016: Ismael Ramos: “Espero que o lector de Fillos da Fame dea con algún lugar que se lle faga coñecido”.
- Maio 2015: A nova poesía costeira renace en Mazaricos.
- 2014: A bitácora da semana (CCLXXVII): As Interferencias de Ismael Ramos.