Mércores. 01.05.2024
El tiempo

Ismael Ramos: “Lixeiro busca abrazar a vida a toda costa, pero tamén fala dunha xeración en crise, dunha identidade en crise”

  • “Non é tanto que custe volver ao fogar ou ao lugar de orixe, como as posibilidades que este nos ofrece. No caso de Mazaricos, do rural, é moi evidente que o acceso aos servizos ou as posibilidades de prosperar en sectores que sexan alleos á gandaría ou a agricultura son máis escasos ca noutros lugares”.
  • “Para min a pandemia o único que fixo foi agravar ou axudar a visibilizar problemas que xa estaban aí antes de marzo do 2020: a precariedade laboral e emocional, a pandemia da saúde mental, a falta de expectativas, o cansazo…
  • Non creo que sexa máis difícil exercer os nosos dereitos como colectivo LGTBI aquí ca en calquera outro lugar, sempre vas atopar dificultades nalgún momento. O importante é intentar non ceder e, sobre todo, sermos conscientes de que nunca estamos sós”.
  • A cultura da Costa da Morte segue sendo tremendamente singular dentro do conxunto galego. Penso que hai algo diferencial, único”.
Ismael Ramos copia
Ismael Ramos: “Lixeiro busca abrazar a vida a toda costa, pero tamén fala dunha xeración en crise, dunha identidade en crise”

Tiñamos moitas gañas de ter unha longa conversa con Ismael Ramos. O poeta mazaricán ten as librarías o seu libro "Lixeiro", un libro que afonda o paso á idade adulta de toda unha xeración. Falamos sobre a poesía, a amizade, o catastrofismo e sobre as consecuencias que ten ser gai nunha zona como a Costa da Morte.

Lixeiro de Ismael Ramos-Libro poesia

 

  • QPC: ”Lixeiro” (Xerais), é o teu terceiro libro, e está dende o pasado maio de 2021 nas librarías. Antes de nada, que tal está funcionando, tanto a nivel ventas, como a nivel reseñas?

A verdade é que estou moi contento coa boa acollida que está tendo o libro, sobre todo polos comentarios que van chegando das lectoras e lectores. Ademais, imos xa pola súa segunda edición, algo pouco frecuente na poesía.

 
  • QPC: Malia estar xa estaba rematado antes da pandemia, xa amosas unha visión catastrofista da sociedade. Por que esa visión tráxica da nosa realidade? Que provocou entón a pandemia?

Non sei se o libro é ou non catastrofista. Dende logo a min non mo parece, moi ao contrario, creo que busca abrazar a vida a toda costa e faino a través dos detalles miúdos (un insecto, a luz da tarde entrando nun avión…). O que si quería conseguir en Lixeiro, era falar dunha xeración en crise, dunha identidade en crise. Nese sentido, para min a pandemia o único que fixo foi agravar ou axudar a visibilizar problemas que xa estaban aí antes de marzo do 2020: a precariedade laboral e emocional, a pandemia da saúde mental, a falta de expectativas, o cansazo… Todos ese problemas afectábannos xa, pero faltaba un discurso que os articulase.

 
  • QPC: Comentas, na entrevista feita polo podcast Café Derby, que “Lixeiro” chega nunha circunstancia que nos ten pasado a todas as xeracións que temos menos de 50 anos. Acabas a carreira que fuches estudar fóra da casa, no teu caso a Santiago… e agora que??

En realidade, Lixeiro ten máis que ver co transo entre ser un estudante (con máis ou menos preocupacións económicas, máis ou menos deberes e obrigas) a ser un traballador. O libro foi escrito precisamente mentres eu comezaba no mundo laboral, en momentos libres dispersos e con moi poucas horas de sono. Escribía en trens, autobuses, barcos, avións... Case sempre no móbil ou en cadernos onde anotaba todo tipo de frases soltas. De feito, non puiden revisar o libro e darlle forma ata que atopei calma suficiente nun traballo novo.

 
  • QPC: Apuntas ademais que nace da reflexión sobre a amizade, e como é a precariedade a que volve unir ao teu grupo de amigos da infancia. Podes afondar sobre esta idea?

Iso foi algo moi curioso, ver como de súpeto, por un motivo ou por outro, a vida de todos os meus amigos, compañeiros de promoción, sobre todo os do instituto, quedaba pausada. Todos tiñamos arredor de 24 ou 25 anos e estabamos desilusionados en maior ou menos medida: queimados no traballo, decepcionados pola vida académica... Angustiados por non saber como converternos en adultos nun mundo que case non nos dá seguridades, como construír un futuro á nosa maneira. Penso que o feito de que todos estivésemos nesa situación, que compartísemos eses problemas, foi o que lle deu un carácter xeracional e colectivo a Lixeiro.

 
  • QPC: Como é esa relación para toda a túa xeración (para que entendo os teus amigos mazaricáns, onde tes as túas orixes, e de Noia, onde pasaches boa parte da túa infancia) co “fogar”, co lugar de orixe. Por que custa tanto pensar na idea de volver á aldea despois de pasar os marabillosos anos composteláns da univerdade?

Non é tanto que custe volver ao fogar ou ao lugar de orixe, como as posibilidades que este nos ofrece. No caso de Mazaricos, do rural, é moi evidente que o acceso aos servizos ou as posibilidades de prosperar en sectores que sexan alleos á gandaría ou a agricultura son máis escasos ca noutros lugares. A iso, haille que sumar sempre a falta de incentivos para quedar. No caso de Noia, case o mesmo: unha vila que vivía do comercio, de ser a capital dunha comarca e que, pouco a pouco, foi esmorecendo a base de malas decisións políticas.
En ambos casos, ademais, habería que ver que oferta cultural, deportiva e comunitaria teñen. Non se trata de idealizar Compostela por ser a capital, unha cidade ou un enclave universitario. Eu, de feito, vivín durante dous anos en Cangas, por exemplo, e atopei que era unha vila dinámica, viva. O mesmo me aconteceu o ano pasado traballando en Boiro ou Carballo...

 
  • QPC: Dicías tamén en Café Derby: “Ser marica faiche a vida máis difícil no 95% das situacións”. Ten precisamente que ver a túa orientación sexual con ese medo a volver a casa? É máis difícil a vida en Noia ou Mazaricos que en Santiago?

A vida non ten por que ser máis difícil por estar nun sitio ou noutro. O importante é que, sexa onde sexa, esteas onde esteas, queiras vivir onde queiras vivir, atopes unha comunidade que che ofreza un lugar seguro, un ambiente onde poder ser ti mesmo sen problema.
Dependendo da persoa, ese grupo de xente pode ser difícil de atopar mesmo en cidades como Madrid ou Barcelona, aínda que é obvio que será máis doado dar con el canta máis xente nos rodee.

 
  • QPC: Empezabas o teu periplo como columnista en Eldiario.es o pasado mes de agosto co artigo ”O éxodo gay”, que fala de como a mocidade gai de Galicia tende marchar a estudar a Madrid. É aínda necesario escapar da #Galiciaprofunda para poder desenvolver a túa vida con naturalidade? Dito doutro xeito: falas tamén de que a comunidade LGTBI+ acadou moitos dereitos nos anos 2000 pero que agora estamos no momento de exercelos. En calquera caso, non é o mesmo Chueca que Corzón, verdade?

O que quería conseguir con ese artigo era precisamente chamar a atención sobre a necesidade de que a comunidade LGTB e as súas aliadas e aliados constrúamos espazos seguros e visibles en sitios distintos de Madrid ou de calquera grande cidade. Temos que construír a resistencia quedando aquí e facelo non só por nós mesmxs, tamén polxs que virán. Nese sentido, en Galicia hai exemplos de traballo comunitario a prol da normalización: a Asociación GOTAS en Ribadumia ou o Festival Agrocuir da Ulloa. Son mostra de que é posible educar a calquera tipo de comunidade na diversidade afectiva e sexual e servir como punto de difusión e encontro.
No tocante ao segundo, Chueca é en realidade un gueto, non representa o espírito do resto da cidade. Non creo que sexa máis difícil exercer os nosos dereitos aquí ca en calquera outro lugar, sempre vas atopar dificultades nalgún momento. O importante é intentar non ceder e, sobre todo, sermos conscientes de que nunca estamos sós.

 
  • QPC: Reflexionas tamén moito sobre a importancia que lle damos as xeracións máis novas, pero tamén os maiores, ás redes sociais a día de hoxe. Cres que algún día seremos capaces de colocalas no seu sitio e aproveitarmos máis as súas posibilidades que sufrir as súas redes de control mental? Cres que as xeracións máis novas, nadas xa nos 2.000, están máis preparadas, ou ao contrario, están demasiado expostas?

Estar preparado para empregar as redes sociais ou, mellor dito, para evitar caer nas súas trampas non creo que sexa algo necesariamente xeracional, que varie coa idade. O que si penso, é que non podemos renunciar a elas. Por suposto, debemos ser conscientes de que baixo a súa falsa apariencia de lugares públicos, non deixan de ser plataformas privadas que empregan os nosos datos como mercadoría e exercen a lei mediante normas de uso. Sexa como for, creo que é posible empregalas tamén para xenerar discursos revolucionarios, discursos que poden ir mesmo en contra dos ideais das empresas que as xestionan e as crean. Así que antes de renunciar a esa comunidade, a ese medio de comunicación, creo que debemos pensar como facernos co seu control, como crear nelas lugares de resistencia.

 
  • QPC: Volvendo á poesía. Como ves o estado de saúde do verso costeiro? Temos potencia na comarca coas María Lado, Rosalía Fdez. Rial, Suso Bahamonde, Jaime Trillo… non? Que nomes da comarca che tocan a fibra? Influenciouche algo a existencia do Batallón Literario?

A cultura da Costa da Morte segue sendo tremendamente singular dentro do conxunto galego. Penso que hai algo diferencial, único. Ten que ver coa paisaxe (a da costa e a do interior), mais tamén coa dureza dalgúns costumes, dalgúns traballos... E coa lingua, por suposto, co viva que está aínda a lingua. O galego da Costa da Morte é aínda o galego da xente nova, un idioma en movemento, mutando. Iso non pasa en todas partes e é algo que temos que aproveitar porque pode converternos nunha potencia para a dinamización do galego. Nacer aquí márcate. Mesmo se hai diferenzas entre Camariñas e Dumbría, por exemplo, compartimos un mesmo universo.
En canto ao Batallón, foi fundamental nos 90 e hai libros e autores que eu lin moito máis tarde e que teño para sempre tatuados na retina e asociados a estes lugares:
casa atlántica, casa cabaret de María Lado, Poemas da cidade oculta de Estevo Creus…

 
  • QPC: E xa para rematar, cóntanos un par de Recunchos da Costa que che presten de verdade?

Ultimamente teño moitas ganas de ver unha posta de sol en Malpica, no monte que hai detrás das casas da Atalaia. A ver se o consigo pronto.

Novas relacionadas

Comentarios