Mazaricos acolle o Festival Benéfico de Adisbismur
Xa está en marcha o Festival Benéfico ADISBISMUR, que celebrará a súa décimo quinta edición o sábado 14 de decembro, ás 17:00 horas na Casa da Cultura da Picota. Este evento solidario ten como obxectivo recadar fondos para o funcionamento da asociación, que traballa pola integración social, formativa e laboral das persoas con discapacidade dos concellos de Mazaricos, Carnota, Muros e Outes.
O festival ofrecerá unha programación diversa que inclúe teatro, música e humor, combinando a calidade artística co compromiso social. A entrada terá un custo simbólico de 5€ en concepto de donativo, cantidade que se destinará íntegramente a sufragar os proxectos e actividades que ADISBISMUR desenvolve ao longo do ano.
Un compromiso coa inclusión
ADISBISMUR leva máis de trinta anos traballando pola plena inclusión das persoas con discapacidade nas comarcas, ofrecendo servizos de atención directa, formación ocupacional e programas de inserción laboral. "Apoiar este festival é apostar por unha sociedade máis xusta e inclusiva, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades", sinalou a concelleira de Benestar Social, Sandra Alvite.