Mazaricos celebra o 60 aniversario do asasinato de Che de Pedro, a imaxe da loita polo monte comunal
Así, e en colaboarción co Concello e a ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común), este sábado 21 de xaneiro, Mazaricos acolle a celebración da segunda edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. Un evento que arrincará ás 11:00h no Centro Social de Eirón, nunha xornada que homenaxeará e reivindicará a memoria histórica das persoas que se mobilizaron en defensa da propiedade da terra e do monte veciñal dende moitas parroquias galegas ante os intentos de roubo e usurpación acompañados, decote, por dura represión.
Este ano homenaxearase a Llorenç Soler, cineasta que retratou a conflitividade social da Galicia dos anos 70, incluíndo a loita polo monte comunal, finado o pasado mes de novembro. Soler realizou ous filmes documentais en Galicia que son perfecta testemuña fundamental da conflitividade e as loitas na defensa da terra e contra a especulación na Galicia da Transición: “A autopista, unha navallada á nosa terra” e “O monte é noso”.
Desta volta proxectarase o seu último traballo, “O monte é noso”. logo dunha introdución de Anna Turbau, fotógrafa e compañeira de Llorenç Soler.
Ás 13h terá lugar no monumento erguido en San Fins de Eirón unha ofrenda floral, na que intervirá un ano máis unha representación da familia Esperante.