Mazaricos convoca unha nova edición do seu concurso de fotografía para o Calendario 2025
O Concello de Mazaricos vén de pór en marcha unha nova edición do seu concurso de fotografía para ilustrar o calendario municipal do vindeiro ano. Deste xeito, e como en edicións anteriores, o Calendario 2025 que o Concello distribúe entre os fogares do municipio recollerá algúns dos recantos máis belos de Mazaricos.
As bases do concurso poden consultarse xa na páxina web do Concello. O prazo de envío ábrese mañá, día 1 de outubro, e esténdese ata o 31 do mesmo mes. As fotografías faranse chegar ao enderezo de correo electrónico [email protected]. Posteriormente, o 1 de novembro, o Concello publicará na súa páxina de facebook todas as fotografías recibidas, abrindo un período de votación a través de ‘gústames’ ata o domingo 10 de novembro. As 13 fotografías máis votadas que representen elementos distintos de Mazaricos serán as escollidas para ilustrar o calendario e a portada do mesmo.
As persoas gañadoras recibirán unha copia do calendario, independentemente do seu lugar de residencia. Ademais, todas as fotografías irán debidamente identificadas co nome, alcume ou lema da persoa autora.
As fotografías a concurso deben estar tomadas dentro do municipio, reflectindo calquera elemento (paisaxe, monumento, natureza, gastronomía...) dentro deste. Poderán aparecer animais, tanto gando como domésticos ou salvaxes. Non poderán presentarse fotografías xa publicadas en redes sociais ou gañadoras doutros certames. Deben ter formato horizontal e unha definición suficiente para a impresión sen perda de calidade.
Todas as edicións do concurso para o calendario de Mazaricos contaron ata a data cun importante volume de participación, recollendo a diversidade de lugares e elementos que identifican e definen a idiosincrasia e a beleza dun concello único.