xoves. 14.05.2026
El tiempo

Mazaricos impulsa as primeiras vivendas colaborativas da comarca formuladas para favorecer a autonomía e o envellecemento activo

vivendas_colaborativas_situacion
Mazaricos impulsa as primeiras vivendas colaborativas da comarca formuladas para favorecer a autonomía e o envellecemento activo

 O Concello de Mazaricos dá un novo paso na súa aposta por ampliar os servizos destinados ás persoas maiores e afrontar o importante reto do envellecemento no rural. O goberno local impulsará a construción das primeiras vivendas colaborativas de toda a comarca, un modelo residencial pensado para favorecer a autonomía persoal, a convivencia e o envellecemento activo.

O proxecto prevé a construción dun edificio con 63 apartamentos nunha parcela de solo urbano residencial cunha edificabilidade de 7.000 metros cadrados situada na área do Sino, entre o polideportivo municipal e o centro de saúde da Picota. O inmoble contará con planta baixa e tres alturas, e albergará 21 apartamentos por piso, cada un cunha superficie media de 50 metros cadrados.

O proxecto busca ofrecer unha alternativa residencial adaptada ás novas necesidades da poboación de maior idade (maiores de 55 e persoas menores que convivan con elas, sen superar o 50%), combinando apartamentos privados con servizos compartidos e amplas zonas comúns. A planta baixa estará destinada a prestacións vinculadas a un centro de día e a diferentes atencións asistenciais.

Cronograma: licitación en 3 meses e operativo en 2 anos

O proxecto manexa un investimento próximo aos 4 millóns de euros e prevé a creación de máis de 30 postos de traballo directos unha vez entre en funcionamento.

O goberno local espera que a licitación poida poñerse en marcha nun prazo non superior a tres meses e que o complexo estea plenamente operativo en ao redor de dous anos, nunha folla de ruta que responde a unha planificación máis ampla

Fórmulas par os maiores

O alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, explicou a importancia deste proxecto: "Comezamos reformando as antigas casas da escola para
convertelas en casas do maior" —hai cinco repartidas polo municipio—, "un modelo que está a ter moito éxito. Como tamén o terá a residencia que se vai
construír no edificio do antigo colexio de Pino de Val
—o proxecto está pendente da avaliación da Consellería de Política Social— e, por suposto, estas
vivendas comunitarias nas que estamos traballando".
Blanco Riveiro salientou que os veciños de Mazaricos terán prioridade á hora de acceder a uns servizos que non dubidou en cualificar como "moi necesarios e que serán dunha altísima calidade".

Máis novas

Comentarios