Mazaricos prepárase para a Xornada láctea e a Poxa de Xovencas
Un dos eventos do ano en Mazaricos, a capital gandeira da Costa da Morte, é esta feira de gando, que un ano máis, chega completa. A VI Xornada Técnica do sector lácteo e a VIII Poxa de Xovencas de raza frisona xuntará en Mazaricos a todo o mundo agrícola costeiro.
Todo acompañado da 2ª Feira do Comercio de Mazaricos, que locirá durante esa fin de semana do 29 e 30 de novembro no Pavillón da Picota.
Comezarán as xornadas o 29 de novembro no Centro Sociocultural mazaricán, coas Xornadas sobre sector lácteo, cunhas conferencias no marco do programa “Un futuro cheo de preguntas para o lácteo”. Juan Caínzos, Delegado en Galicia de Elanc Animal Health; Ana Rama Andrade, técnica de Seragro e Patricia Ulloa, de Medio Rural, abrirán as xornadas pola mañá.
De seguido, toca mesa redonda con José Luís Antuña, de Feiraco, Pedro Ramos, da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores Lácteos (CPL), Xos´w Turnes, presidente da Asociación Terra e Leite, moderados por José Moireira Pardiñas, técnico de Africor Coruña.
A clausura será co alcalde e a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.
A esperada Poxa
A Poxa de Xovencas de raza frisona, que este ano chega á 8ª edición, é un dos momentos máis esperados. Cal modelos das mellores firmas de costura, as frisonas paséanse ante a mirada dos gandeiros, pendentes de quedar prendados da súa elegancia. O ano pasado, a xovenca Dupa Xacobeo “Rita Alasca”, foi a máis valorada cun prezo de venda de 3650 €, así que veremos este curso como anda o mercado.
A cita, o domingo 30 de novembro a partir das 11:00h, tendo ademais un desconto de 150€ por cada xovenca mercada, cun obsequio e unhas rifas.
Novas relacionadas
- Mazaricos reafírmase como a capital gandeiro da Costa da Morte.
- As Xovencas de Santa Comba bailaron a ritmo de zumba.
- Da importancia da Formación Rural na Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).