Mazaricos recorda a figura do doutor Manuel Pérez Maroño coa presentación do libro “Médicos e medicina rural na Costa da Morte”.
O libro “Médicos e medicina rural na Costa da Morte. A figura do doutor Manuel Pérez Maroño” presentarase o vindeiro venres, 29 de decembro, en Mazaricos dentro das actividades lúdicas e culturais da programación municipal de Nadal. O libro recolle e lembra a vida deste médico rural, lembrado como un dos máis activos da Costa da Morte, natural do lugar de Figueira na parroquia de Arcos, en Mazaricos.
A presentación será ás 19:00h do venres na Casa de Cultura de Mazaricos. Ademais do autor, Braulio Pérez Astray, estará presente o prologuista do libro, o profesor emérito da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Gestal Otero. Tomará parte tamén na presentación o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco.
A publicación deste libro, resultado do traballo de Braulio Pérez Astray, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e licenciado en Historia Contemporánea, pon en valor o traballo daqueles médicos que prestaban servizo no mundo rural. Doutores que atendían partos, fracturas e doenzas de todo o tipo, onde o factor humano cobraba unha especial importancia no trato coa ou co paciente, nun tempo de carencias e problemas no acceso á saúde.
O doutor Pérez Maroño foi médico rural durante máis de corenta anos, entre os anos 50 e a súa xubilación en 1995. Lembrado como un home afable, intelixente e humilde, exerceu en Dumbría e especialmente en Baio (Zas), logo de facelo no Hospital Xeral de Galicia en Compostela. Tivo unha grande implicación na sociedade da súa época, impulsando a Xunta Comarcal de Médicos de Corcubión, presidindo o equipo de fútbol Baio e como concelleiro en Zas pola UCD e AP. Pérez Maroño finou en 2005.
O libro foi editado por Hércules de Ediciones, co apoio da Xunta de Galicia. Colaboran os Concellos de Mazaricos, Zas, Dumbría, Vimianzo e Cee, ademais do Colexio Oficial de Médicos da Coruña (COMC).