Música tradicional e artesanía no Festifolk de Mazaricos
Estrea Mazaricos este singular verán o seu Festifolk. O vindeiro sábado 7 de agosto será unha xornada dedicada á artesanía e á cultura tradicional, con sctividades para todas as idades e gustos e un ambiente que homenaxe ao mundo rural de sempre centran unha proposta chamada a ser un éxito.
O Concello prepara unha feira no recinto Feiral, con postos de madeira e decoración rural chea de alpacas, apeiros de labranza ou teas, tanto en interior como en exterior. Ademais proxectaranse imaxes da feira da Picota e de romarías históricas de Mazaricos. Soará unha música folk ambiental.
De 10:00h a 20h da haberá unha exposición e venda de artesanía na que participarán asociacións como Trenzarte ou os Cesteiros de Asenso. Os produtos á venda comprenderán dende marroquinería a pratería, pasando por xabóns artesanais, cestas ou xoguetes de madeira. Tamén se prolongará durante todo o día a venda de produtos nos postos do comercio local, que contará a maiores con tres puntos de información de negocios do municipio que non quixeron deixar de estar presentes neste evento.
Entre as persoas que compren na feira sortearase, a través dun sistema de rifas, tres cestas con produtos por un valor total de 100 euros cada unha delas. O sorteo farase no mesmo lugar ás 20h. Durante o horario da feira haberá postos de información de Turismo de Mazaricos, a Asociación Cultural El Hórreo de Amas de Casa de Mazaricos e os Entruideiros de Arcos. Precisamente, tanto El Hórreo como Abubela farán varios pases de música tradicional para amenizar a xornada./p>
Concertos e actividades
Un dos puntos fortes será o concerto das Tanxugueiras a partir das 22h, para o cal a entrada será gratuíta pero será necesario inscribirse previamente na Casa de Cultura de Mazaricos na Picota ou chamando ao 981 86 71 95. O concerto terá lugar na finca traseira do recinto feiral, todo organiazdo segundo os protocolos.
Alén do concerto, hai programadas tres obradoiros de actividades. O primeiro, de conservas caseiras, oriéntase a un público adulto e desenvolverase de 11 a 12 da mañá. O segundo, para a rapazada, será de elaboración de gominolas e celebrarase entre as 12 e a 1 do mediodía. Por último, á tarde, haberá un obradoiro de trenzado de palla para todas as idades, que se celebrará entre as 5 e as 6 e media, e no que as persoas asistentes levarán para a casa de lembranza unha pulseira de palla trenzada feita por elas mesmas. Hai límite de prazas para todos os obradoiros e a inscrición pode facerse no 981 86 71 95 ou na Casa de Cultura, como no caso do concerto.
Para comer e refrescarse, estarán habilitadas durante todo o día food trucks e a cantina do Club de Fútbol Mazaricos. Ademais, haberá un carriño de Bico de Xeado para desfrutar dos seus xeados artesanais. E durante toda a tarde (de 4 a 8) haberá un servizo de inchables con monitores para as rapazas e rapaces.
En directo dende Mazaricos
Outro dos puntos fortes do evento será a emisión do programa A Vivir de Radio Nordés en directo desde o Festifolk.