Mércores. 09.10.2024
El tiempo

As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín

escola atan-Mazaricos
As nenas da Escola de Atán (Mazaricos) de excursión arredor de 1968
As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
Continuamos comentando as fotografías que aparecen no calendario que para este ano editou o Concello de Mazaricos. Hoxe imos lembrar o mundo do ensino de hai máis de cincuenta anos.

Os últimos anos de existencia da escola de nenas de Atan están unidos a unha profesora que, polo que contan as súas alumnas, marcou as súas vidas moi positivamente. Esta mestra, agora xubilada, chámase MARISÉ DE ANDRÉS CORES e foi responsable da mencionada escola dende 1965 ata 1973, máis ou menos. A súa entrega absoluta a todas as tarefas que comprende o mundo do ensino; a súa atención personalizada aos problemas, ás carencias ou ás potencialidades de cada rapaza; o seu interese por todo o que atinxira ás súas educandas, na aula e máis alá das catro paredes que a conformaban; a súa capacidade para suplir a falta de medios con esforzo e imaxinación; a súa rigorosidade mesturada coas necesarias doses de cariño para crear un ambiente positivo e enriquecedor; os seus continuos estímulos para que ningunha nena se sentira derrotada; en fin, a súa vocación de ensinante a tempo completo que a levaba a unha continua posta ao día nas últimas innovacións pedagóxicas eran e son calidades da súa personalidade que ponderan todas as rapazas que tiveron a sorte de tela de profesora.

Naqueles tempos onde as excursións eran escasísimas ou inexistentes, D.ª Marisé organizaba saídas fóra da escola porque era consciente, lembrando unha vella sentencia popular, que para saber hai que andar ou ler. Na maioría dos casos eran andainas curtas polos arredores do lughar de Atán. Pero tamén ten argallado viaxes de máis longo alcance entre as que podemos citar unha visita á cidade da Coruña. A que inmortaliza a imaxe da que tratamos hoxe tivo unha distancia xenerosa para facer andando: foron dende Atán ata a igrexa de Santabaia de Chacín e deberon facelo arredor de 1968. Desta saída hai máis fotografías, nunha pódense ver as excursionistas camiñando pola estrada, naquel momento en obras, con dirección a Insua. Outro día a ver se sacamos a reportaxe completa.

Na que escollemos para esta ocasión encóntranse arredor do cruceiro do adro da igrexa de Santabaia. Igrexa que se atopa en desuso e en crecente estado de deterioro dende a construción dun novo templo parroquial no Pino de Val. De esquerda a dereita e de arriba abaixo temos a Manola do Paduxo e Dominga do Coxo, as dúas de Serráns; continúa con D.ª Marisé e unha amiga da mesma; rematando esta primeira ringleira con Maruja de Sambade de Mazaricos de Arriba e Carmen do Coxo de Serráns. A seguinte fila está composta unicamente por dúas rapazas: Maruja do Virador de Quintáns e Palmira de Moreira de Mazaricos de Arriba. No seguinte rexistro temos de xeonllos ou sentadas a Consuelo do Ramono de Lago (daquela vivía na casa de Moreira de Mazaricos de Arriba), Maruja de Alvite de Mazaricos de Arriba, Maristher de Juanito e Maricarmen de Timote, as dúas de Quintáns, Maricarmen de Alvite de Mazaricos de Arriba e Adelina do Coxo de Serráns. A continuación atopamos outra ringleira con só dúas nenas: Dulcina do Peto de Mazaricos de Arriba e Balbina da Beira de Baixo Quintáns. Rematando e diante destas últimas está Maricarmen do Tereso de Lamasapín coa man diante da fronte para tornar do sol e que, por aqueles anos, vivía na casa dos seus parentes os Ghalapos de Atán. Temos que aclarar que na escola de D.ª Marisé había moitas máis alumnas, pero non todas se apuntaron a esta excursión.

Na escola de Atán despois da marcha de D.ª Marisé estivo de mestra durante algún tempo D.ª Melania Cruz Domínguez, para fechar definitivamente en xaneiro de 1974 debido á apertura da Agrupación Escolar da Picota.

Esta e outras fotos que lembran aqueles anos escolares foron atesouradas por D.ª Marisé. Nunha xuntanza que tivo coas súas exalumnas fai algúns anos, repartiulle copias das mesmas a todas. Unha das asistentes a este reencontro, Maricarmen González Alvite (Maricarmen do Tereso de Lamasapín), foi a que tivo a xentileza de deixarmas para que as fora compartindo con todos, xesto que lle agradezo sinceramente. A mesma Maricarmen conxuntamente con Balbina da Beira de Baixo de Quintáns, Maruja do Zapateiro do Outeiro, Palmira de Moreira de Mazaricos de Arriba e Maricarmen do Ghapito da Picota informáronme sobre a identidade das participantes e doutros pormenores relativos a súa formación con D.ª Marisé. Grazas a todas pola súa colaboración.

Comentarios