Venres. 20.09.2019
El tiempo

Segando en Mazaricos aló polo século XVIII

Segando en Mazaricos aló polo século XVIII
Seguimos reciclando estes artigos históricos de Suso Jurjo dende o Concello de Mazaricos. Hoxe toca, como non, tema agrícola.

"Unha cuadrilla de 44 segadores da parroquia de Beba na Castela do ano 1770", por Suso Jurjo

Segadores do seculo XVII Venga el gallego a segar, miserable jornalero, que los hombres de Castilla tienen el trabajo a menos. O escaso tamaño das labranzas galegas, as numerosas rendas que tiñan que pagar pola terra que traballaban, os impostos para manter a monarquía, o DÉCIMO para o sostemento da igrexa e unha natalidade en continuo crecemento, obrigaron aos nosos antepasados de tempos non tan afastados, a buscar estratexias de supervivencia máis alá dos seus predios. O traballo por conta allea, na terra ou fóra dela, era fundamental. As estadías de varios anos en Portugal, Madrid ou Andalucía; a emigración estacional ás segas de Castela ou ás vendimas do norte de Portugal, eran as saídas máis socorridas antes dos grandes e sistemáticos éxodos ao continente americano. Hoxe imos centrar o foco nas segas de Castela. A composición coa que abrimos esta entrada, máis alá do ton xenófobo, lémbranos a supeditación que, polo menos dende o século XVI, tiñan os produtores cerealeiros das dúas Castelas dos segadores galegos. Corrobóranolo o viaxeiro e militar inglés W. Dalrymple que no 1774 deixou constancia da absoluta dependencia dos pobos de Castela con respecto aos de Galicia para os seus traballos manuais, e, sen embargo, “trátanos de vagabundos e míranos co maior desprezo.” O cura de Fruíme, tamén no século XVIII, se queixaba desta situación: “ Cuando los naturales/ fueran de sus rentas dueños/ ninguno fuera a Castilla/ a servir de Jornalero”. Lucas Labrada na súa obra DESCRIPCIÓN ECONÓMICA DEL REINO DE GALICIA do ano 1803, cifra en 30.000 os galegos que tódolos veráns ían segar a Castela, e que boa parte do gañado era destinado ao pago de redas e impostos. Sobre as duras condicións deste traballo e sobre o trato despectivo do pobo castelán, tamén se fai eco Rosalía de Castro cando no seu coñecido poema de CANTARES GALLEGOS glosa a famosa composición popular: “Castellanos de Castilla/ tratade ben ós gallegos/ cando van, van como rosas/ cando vén, vén como negros”. Esta afluencia só empezou a diminuír a finais do século XIX coa competencia da emigración americana e o inicio do proceso de mecanización dos grandes latifundios da Meseta. De tódolos xeitos, non foi ata os anos cincuenta do século XX cando, por un lado a nova emigración a Europa, e polo outro a definitiva mecanización da seitura, fixeron desaparecer esta vella ocupación estacional. Era precisamente por este tempo, entre maio e primeiros de xuño, cando saían as cuadrillas. Tiñan unha longa viaxe por diante. Subir as dificultosas serras orientais e atravesar boa parte de Castela, e todo andando. Chegaban ata A Mancha, á Rioxa e Estremadura, aínda que o groso do traballo estaba nas dúas Castelas. Equipados de fouciños, dous trapos de roupa a maiores da que levaran vestida e dalgunha vianda para o longo traxecto, encamiñábanse en cuadrillas, máis ou menos numerosas, con dirección aos infinitos trigais da Meseta. Cando nas primeiras poboacións do antigo reino de León –Astorga, Benavente, Puebla de Sanabria, …- se ían xuntando as cuadrillas chegadas das diferentes partes de Galicia, formaban unha inmensa riada que impuña respecto nos veciños destas localidades. Pero se era importante que foran un grupo numeroso á saída, máis o era á volta. Pois cumprida a súa tarefa e cobrado o froito do seu traballo, eran un bocado moi desexado para os ladróns de toda caste que pretendían facer o seu agosto a cota da suor allea. Ao mando de cada cuadrilla ía un maioral que tiña a misión de dirixila e de buscar e apalabrar o traballo. Traballo que comezaba a mediados de xuño e remataba arredor do 15 de agosto. Durante dous meses segaban os inmensos mares de trigo de Castela. Cando acababan nunha explotación tiñan que buscar outra, ata que todo o traballo estivera acabado non emprendían a viaxe de volta. Todo este longuísimo preámbulo vén a conto porque sempre pensamos que nas terras da Galicia Occidental a emigración estacional ás segas de Castela non tivera presenza, ou así nolo testemuñaban as informacións manexadas relativas á segunda metade do século XIX e ao século XX. Mais coa análise dun caderniño que posuímos sobre OS RAMOS DE REAL E INDUSTRIAL do ano 1770, formado co obxecto de establecer a REAL ÚNICA CONTRIBUCIÓN na parroquia de Beba, constatamos que nese ano saíran para as segas de Castela corenta e catro homes. Como a documentación da que estamos falando é de carácter fiscal, o seu interese está centrado nos ingresos que estas persoas puideran lograr na mencionada actividade. Neste sentido, os peritos que confeccionaron o caderniño lémbrannos que “Atendiendo a los crecidos gastos que se les ocasionan y tienen diferentes individuos de esta parroquia que acostumbran y se determinan ir al trabajo de las siegas del Reyno de Castilla, y la incertidumbre de sus ganancias, como igualmente de lograr salud para aver de alcanzarlas, regulan sus utilidades en esta manera: A un mayoral o peón ciento y cincuenta reales. Al que segare y atare los haces de trigo, centeno y cebadas, que llaman raviceros, cien reales. Al meramente atador, y que tenga cumplidos los diez y siete años, cincuenta reales. Como podemos observar no texto transcrito, respectamos a ortografía e a sintaxe orixinal, o feito de ir ás segas xa era unha costume consolidada, é dicir, xa levaba facéndose varios anos, non sabemos cantos. Para a Galicia Central e Oriental hai testemuñas dende o século XVI, pero para estas terras da costa atlántica, tan afastadas de Castela, este que comentamos é o primeiro dato co que contamos. Nos anos 1768 e 1769 Galicia padeceu unha climatoloxía moi adversa que arruinou tódalas colleitas. Coa falta de froitos chegou a fame, e coa fame as enfermidades, as pestes e a morte. Era tanta a penuria que ata o cura de Mazaricos, de sempre os máis abastados de cada parroquia, tivo que cursar o 14 de febreiro de 1769 un memorial ao Cabido da Catedral de Santiago “pidiendo se le socorra con algún socorro de fruto, y se acordó se le tendrá presente quando ubiere abundancia”. Puido ser nestes duros anos cando se iniciou esta costume de ir ás segas de Castela? Estas fames seguramente incrementaron o número de persoas que acudían nos veráns á Meseta, mais coidamos que a costume era anterior a estes tráxicos feitos. Dos corenta e catro homes da parroquia de Beba, trinta eran propiamente segadores e cuns ingresos para toda a tempada, como xa dixemos, de cento cincuenta reais por persoa. Oito, ademais de atar os monllos, tamén apañaban, gañando cen reais cada un. Só seis eran atadores, con cincuenta reais de paga por cabeza. Estes dous últimos grupos estarían compostos por rapazotes que, aínda que souberan segar, seguramente non o facían coa velocidade e a destreza requiridas, e unicamente os máis avezados compartirían ambas funcións. Con relación aos ingresos mencionados, temos que considerar que estamos diante dun documento elaborado segundo as declaracións voluntarias dos interesados e que os encargados de unificar e ordenar esta información eran as persoas máis preparadas da parroquia que acostumaban a rebaixar todo o que podían a produtividade das explotacións e polo tanto, os ingresos deles mesmos e dos seus veciños. Aínda así, as ganancias declaradas eran considerables para a época. Polos mesmos anos un antepasado meu, Julián Varela, compraba no lugar de Beba unha leira labradía de medio ferrado por sesenta reais e libre de cargas, é dicir, sen renda anual adicional. Os cartos eran bonitos pero, como nos recorda o documento, moitas tamén as incertezas. Ningún dos esforzados traballadores estaba libre da enfermidade e incluso da morte. A xornada era de sol a sol durante os días máis longos do ano, con temperaturas de podían superar os cincuenta graos. Boureando a todo momento co corpo dobrado. Traballaban a mantido, mais para unha tarefa tan intensa, nin a comida era abundante, nin a auga de beber suficiente nunhas condicións climáticas tan extremas. E por riba de todo, maltratados e humillados polos propios casteláns coma se foran seres inferiores. Así gañaban estes nosos antepasados, con indicible esforzo, un xornal sempre escaso. Afastados da súa terra e da súa xente, “por la terrible estepa castellana, como cantou Manuel Machado, polvo, sudor y hierro” Beba non era un caso illado, se contáramos cunha documentación similar para o resta das parroquias de Mazaricos, temos a certeza de que con máis ou menos afluencia, segundo a poboación de cada unha, esta emigración estacional a Castela sería común a todo o noso territorio. Tiña que incluír aquí os nomes dos corenta e catro segadores, pero como este texto xa conta cunha extensión moi considerable para este medio, a persoa que teña moito interese que me pregunte. A imaxe que ilustra esta entrada pertence ao pintor burgalés Vela Zanetti.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios