domingo. 01.12.2024
El tiempo

Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos

Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos
Tiñamos gardado este artigo de Suso Jurjo para esta semana, como non podía ser doutro xeito.

O Entroido de Mazaricos, por Suso Jurjo

 Na comparsa dos Entruideiros de Arcos, estaban os vellos, o rabechador e o fotógrafo-Foto cedida por Aurora Perez Fernandez “A señora desta casa é da color da cereixa, e como a señora é boa sen nada non nos deixa” A orixe do Entroido pérdese nas tebras do tempo. Hai dúas teorías que explican o seu nacemento: unha que relaciona o seu inicio con festas prehistóricas e pagás nas que se convocaban os espíritos protectores da terra para que as colleitas fosen boas e as femias fértiles.

A outra teoría, defendida pola maioría dos entendidos, sitúa a orixe do carnaval na Idade Media como antagonista da Coresma. Aínda que non descartan a posibilidade de que algúns elementos concretos procedan do mundo pagán, as festas saturnais e lupercais da Roma Imperial puideron aportar características como a inversión de valores, de aí a xa clásica cita do profesor Caro Baroja: “O carnaval, quéirase ou non, é un fillo, aínda que sexa pródigo, do cristianismo. Mellor dito, sen a idea da Coresma non existiría na forma concreta na que existiu dende datas escuras na Idade Media europea.

Daquela fixáronse os seus caracteres, o que non quita que,quedasen incluídas dentro do ciclo carnavalesco varias festas de raizame pagá". Así como nas igrexas románicas as mensaxes de teologal pureza das portadas se mesturaban co sorriso máis delirante dos monstros grotescos e dos circenses contorsionistas que poboaban os modillóns das cornixas, tamén no Entroido se enfrontaban os praceres da carne, a troula e o divertimento coas abstinencias, os arrepentimentos e as purgas da Coresma, como lembra a cantiga popular: “Adiós meu entruidiño, ata o Domingo de Pascua non volvo untar o fuciño”

E deste sentido nacen tamén os dous termos polos que nomeamos esta manifestación festiva: a palabra carnaval procede do italiano carnavale, e esta á súa vez da expresión latina "carne levare", que significa algo así como quitar a carne, en alusión ao seu carácter de prolegómenos do tempo coresmal que se aveciña. As voces galegas Antroido, Entruido, Entroido, derivan do latín "introitus", introdución, e alude igual que as anteriores, ao carácter de prólogo que o carnaval posúe con respecto á Coresma.

O apartado gastronómico é un dos mais importantes, os pantagruélicos cocidos ben pertrechados de carne de porco e as filloas feitas na pedra. Estas últimas sempre se me antollaron residuos de tempos moi pretéritos, seguramente anteriores á Idade do Ferro.

Os xogos e as trasnadas da rapazada eran outro dos elementos fundamentais que, de maneira anárquica ou imitando ao Entroido serio que despois describiremos, animaban cos seus xogos e as súas trangalladas as noites destes días sinalados. Normalmente disfrazados de vellos e provistos de xiringas feitas con pau de bieiteiro e con émbolo de buxo esparexían potentes chorros de auga sobre a xente máis despistada.

No martes de Entroido era normal entre amigos e familiares correr os Entroidos, é dicir, ir de casa en casa probando as súas especialidades culinarias e ao mesmo tempo estar algo de conversa e de esmorga antes de que chegaran os rigores preparatorios da semana de paixón.

Antes de empezar coa descrición desta festa, temos que facer unha precisión sobre o calendario da mesma. A diferenza doutros entroidos non atopamos ningunha referencia específica aos días anteriores ou posteriores aos propiamente ditos do Entroido universal: sábado, domingo, luns e martes de Entroido. Sabemos, iso si, que o noso Entroido empezaba a súa andadura polo menos quince días antes das xornadas citadas anteriormente, xa que percorrían boa parte do concello de Mazaricos e as feiras dos concellos limítrofes, polo cal tiñan que xogar cun calendario amplo e flexible.

No mes de febreiro con temperaturas rigorosamente baixas e de pouco traballo agrícola, os mozos de Mazaricos -por estribillar, espelir o frío e xuntar algunha perra para gastar ao remate nunha festa “acughulada” de farturas- xuntábanse xa despois do Nadal para ordenar os Entroidos. Cada parroquia facía os seus, mais non en tódalas freguesías de Mazaricos había esta tradición.

Temos documentada unicamente a súa existencia nas de Arcos, Beba, Colúns e Corzón. Reuníanse nalgunha taberna ou casa de confianza, alí discutían o reparto de papeis, ensaiaban e cando rematara todo facían a festa. Na parroquia de Beba era costume que estas angueiras se realizasen na casa de Ferreiro. Esta familia aínda conserva un vello sable do tempo da guerra contra os franceses co que se armaba ao Xeneral que comandaba as accións carnavalescas desta freguesía.

Os tres grupos

O noso Entruido fórmano principalmente tres grupos: o exército dos panos, o coro dos vellos e o coro dos cegos. Todos homes, aínda que se representaban papeis femininos, eran interpretados por mozos. O xogo erótico e a inversión sexual sempre formaron porte do espírito transgresor do carnaval.

O exército dos panos era o grupo maior e principal. Ían de branco, calzados con botas de cana alta ou polainas, encinchados e con varios panos dos ombros -femininos e de cores churrusqueiras- cruzando o torso; nos pulsos, prendían outros ponos máis pequenos a modo de brazaletes. Levaban a cara descuberta e na cabeza un tocado moi vistoso, feito de cartón e adornado con plumas e pequenas xoias. Todos ían armados de espada que empregaban segundo conviñese. Un dos panos, o de máis peito, tocaba unha corna a semellanza dos peixeiros, avisando aos paisanos da chegado ao lugar dos entroideiros. Temos que subliñar o feito de que ningún dos integrantes deste grupo levara máscara, moi común noutros carnavais, pero ausente tamén nos da Ulla, seguramente cos que máis semellanzas comparten. Á fronte estaba o abandeirado, seguido polo xeneral, normalmente montado nun cabalo garañón adornado cun fermoso suaduiro, ao que facían bailar e camiñar con moita graza. Resgardando ao xeneral, unha parella de gardas civís; despois o groso do exército. Primeiro desfilaban e seguidamente facían unha serie de movementos para rematar en rolda; tres ou catro homes cantaban e tocaban a pandeireta, acompañando ao bailador e á bailadora; dous mozos adecuadamente disfrazados e moi experimentados nos bailes tradicionais.
Parece que a orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX, aínda que superposta sobre as batallas de mouros e cristiáns de longa tradición e das que se conservan mostras na Sainza, en Boborás e Maside, todas na provincia de Ourense. O exército dos panos relaciona ao noso Entroido con outros como os da zona da Ulla, nos que a parroquia afirmaba o seu carácter e a súa identidade colectiva e rural fronte ás freguesías dos arredores. En relación á “Guerra da Independencia" non debemos esquecer que en Mazaricos os nosos devanceiros se enfrontaron aos franceses na Batalla da Ponteolveira. Se reparamos no chapeu dos nosos entroideiros atoparemos moitas semellanzas con aqueles gorros altos e cheos de riviricoques que empregaban os franceses.
O exército dos panos que toma o seu nome, como acabamos de ver, dos panos cos que os seus integrantes cruzan o torso, relacionan a nosa festa co vestiario dos galáns de Cobres ou as madamas de Cotobade, que empregan un traxe parecido. A parte protagonizada polos bailadores pode ter influencias das danzas gremiais, da danzas de paus e dos bailes diante do Altísimo nas celebracións do Santísimo Sacramento; exemplos todos que aínda se conservan nalgúns lugares de Galicia.

Temos que subliñar unha característica xenuína do noso carnaval: a fusión dos elementos marciais do desfiles co mundo do baile, onde estes soldados de ficción, máis que enfrontarse a un temido inimigo, escoltan e fanlle sitio ao bailador e á bailadora para maior lucimento dos seus maneos. Os vellos, vestidos de farrapos, agora si, encaretados, co seu bailador e a súa bailadora, representaban a parte máis burlista e cómica do Entroido. Cantaban, bailaban, guindábanse polo chan, e sobre todo metíanse coa xente. A maioría das súas alusións eran de tipo sexual e de escarnio e maldicir. Os cegos que cantaban e contaban historias, facían unha crónica satírica do acontecido durante o último ano e tamén eran os máis axeitados para solicitar coas súas cantareas a esmola da xente: "Dalle limosna ó cego dalla se lla queres dar, ten unha espiña no lombo e non se pode dobrar".

Se os espectadores non eran xenerosos, non dubidaban en botarlle o can. Como exemplo podemos lembrar unha composición ideada por Manolo do Caseiro de Beba e cantada nunha das últimas saídas dos entruideiros desta parroquia: "As señoras aldeanas cando van vender o leite, se a vaca da tres cuartillos¬ auméntanlle seis ou sete. Con auga e almidón fanche gran composición, e despois mexan na lata para aumentar a cuestión"

Facíanse representacións do propio Entroido, simbolizado nun boneco de madeira coa cabeza articulada, que respondía ás preguntas dos paisanos. Ía nun carro tirado pola famosa burra da Muradana, verdadeira institución do Entruido mazaricán, como lembra a cantarea popular. “A burra da Muradana non sei se lle morrería, andaba martes de Entruido con toda panoquería."

Comparsa do Entruido de Arcos-Mazaricos- Foto cedida por Aurora Perez Fernandez Comparsa do Entruido de Arcos-Mazaricos- Foto cedida por Aurora Pérez Fernández Un membro comparsa de Entruido de Arcos-Mazaricos-Foto cedida por Aurora Perez Fdez

Un membro cun pano que formou parte da comparsa de Arcos na última saída que tiveron nos primeiros anos sesenta do século pasado-Foto cedida por Aurora Perez Fdez

Había outros personaxes que, máis que nada, metíanse coa xente facéndoa participar: “o varreduiro”, provisto dunha vasoira feita de follas de cebro, apartaba aos espectadores facéndolle camiño ao resto da comparsa; ou “o rabechador”, armado cun pau revirado, erguíalle a saía ás mulleres.

Outros homes disfrazábanse imitando oficios peculiares: o cordeleiro, o sarralleiro, o afiador, o limpabotas; ou profesións que para eles eran novas: o médico, o veterinario ou o fotógrafo. Este último armado cunha cámara que xiringaba auga aos retratados. Auga que debía ser bendita, pois os retratos que sacaba eran estampas de santos da comarca, ou a igrexa é máis fina cós outros. Todos eles, cos seus aprechos, corrían Mazaricos, ían ás feiras da comarca, aledando coa súa graza as friaxes do mes de febreiro. Ao remate, cos cartos xuntados, facían unha festa con gaiteiro para todos os veciños. E eles en irmandade e camaradería fartábanse de comer e de beber mentres os cartos durasen.

O compoñente económico era un apartado moi importante dentro do noso Entroido, como xa indicamos antes, os cegos solicitaban a esmola a tódolos espectadores, con ela sufragaban os gastos da montaxe de todo o espectáculo e, por suposto, os da festa antes aludida.

O Entroido de Mazaricos, con ingredientes comúns a outros entroidos tradicionais galegos e mesmo europeos, ten tamén as súas peculiaridades. Como xa fomos apuntando, máis que na orixinalidade dalgún elemento concreto, sobresae pola fusión de aspectos de moi variada procedencia nunha representación de grande unidade e estrutura moi ben armada. Onde a unha parte seria e bastante ríxida lle seguen outras dúas moi anárquicas e críticas: a dos vellos coas súas palabras e posturas irreverentes e a dos cegos coa súa verborrea subversiva. No seu conxunto parece algo así como a montaxe das dúas caras da sociedade: unha oficial e ritualista e outra anárquica e revolucionaria. Esta maneira tan singular de celebrar o Entruido desaparecera do noso calendario festivo nos primeiros anos sesenta do século pasado. Foi outro dos numerosos damnificados da intensa emigración a Europa que empezou por aqueles tempos. No ano 1993 a Asociación de Veciños da parroquia de Arcos recuperou esta tradición e volveron aos nosos rueiros os desfiles cargados de graza e divertimento dos entroideiros. A mocidade desta parroquia, pola complexidade do noso carnaval, non sempre se atopa coa forza e coa xente necesaria para poñer en pé esta festa, motivo polo cal a súa organización non é estritamente anual, senón que sofre certas intermitencias. A boa noticia é que este ano volveran a saír cun amplo programa de actuacións por boa parte do territorio municipal. Seguiremos falando.

Os entruideiros da parroquia de Corzón entrado na feira da Picota a principios dos anos sesenta do seculo pasado na horta de Cacheiro
Os entruideiros da parroquia de Corzón entrado na feira da Picota a principios dos anos sesenta do seculo pasado na horta de Cacheiro

Entruideiros de Corzón desfilando polo medio da Picota o día da feira-Foto-XR Esperante Otero Despedímonos cunha composición que cantaban os aguinaldeiros polo Nadal, pero que tamén valía para o Entruido: “Señora ama de casa mándenos o aguinaldo á porta pola rapaza, e mándenolo de repente que somos rapaces novos e perdemos a semente”   UN VÍDEO DOS ENTRUIDEIROS DE ARCOS DE 1993 No ano 1993 os ENTRUIDEIROS DE ARCOS, despois de trinta anos de ausencia dos nosos rueiros, volveron a correr os carnavais.

Dende o Centro Social que había pouco que estrearan no lugar da Curra, a Asociación de Veciños O SOUTO logrou poñer en pé unha celebración tan gabada e tan chorada pola xente que chegara a coñecela en todo o seu esplendor. O EXÉRCITO DOS PANOS, a TROPA DOS VELLOS e o CORO DOS CEGOS encheron de ledicia as nosas cañeiras naquel lembrado febreiro do 93. Contaron co apoio do Concello de Mazaricos, daquela presidido por Xoán Manuel Ramos Rodríguez, e coa participación e colaboración solidaria de toda a parroquia de Arcos. Os que nos criamos despois da súa última saída no ano 1964, tivemos a inmensa sorte de gozar, despois de tantas relembranzas alleas, dun espectáculo acughulado de singularidades.

En canto tivemos noticia de que a mocidade da parroquia de Arcos ía recuperar unha das nosas tradicións máis enxebres, aguilloados pola curiosidade, empezamos a reunir material: fotos antigas das últimas celebracións, conversas cos vellos para reunir toda a información posible sobre este feito, observando polo miúdo o desenvolvemento do Entroido do ano 93, collendo notas, sacando fotos e facendo un vídeo; xa que non tíñamos a seguranza de que esta recuperación tivera continuidade. Boa parte da experiencia conseguida naquelas xornadas baleireina no artigo que publiquei fai uns días neste mesmo perfil. Hoxe quería dar a coñecer o vídeo que antes citaba a tódolos interesados neste tema.

O vídeo foi realizado polo fotógrafo e videógrafo XOSÉ ANTONIO PICÓN IGLESIAS. Escolleuse para a gravación das imaxes o sábado que os entruideiros tiñan pensado asistir á Feira da Picota, que aquel ano cadrou a 13 de febreiro. Tomáronse imaxes no Centro Social da Curra, onde se concentraron os participantes para vestirse; no adro parroquial de Arcos, onde se fixo un primeiro ensaio do espectáculo; e xa na Picota, durante os desfiles de toda a tropa polas principais rúas da vila e nas paradas en lugares estratéxicos, nos que se desenvolvía cada un dos pases da representación. O vídeo tiña o obxectivo de deixar constancia das principais características do noso Entruido. Fíxose con son ambiental e sen intervención de narracións en directo ou en off, unicamente se lle incorporou música nalgúns treitos. Ten unha duración de 47 minutos, aínda que a versións que ofrecemos aquí foi reducida a media hora. O resultado final foi un vídeo VHS que, co tempo, e debido á acelerada degradación deste tipo de soportes, foi dixitalizado. Proceso que impediu a definitiva desaparición das imaxes, mais non a perda da calidade, da saturación da cor e da nitidez que tiña en orixe. A pesar de todas estas eivas, coidamos que é un documento histórico que dá testemuña duns anos, a semellanza dos actuais, cargados de entusiasmo.

 

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios