mércores. 13.11.2024
El tiempo

O Xantar Ourense rendeuse ante a gastronomía da Costa da Morte

Amas de Casa de Mazaricos no Xantar co Bolo do Pote
Amas de Casa de Mazaricos no Xantar co Bolo do Pote
O Xantar Ourense rendeuse ante a gastronomía da Costa da Morte

Tarde gastronómica a do pasado venres. Os Concellos de Vimianzo, Mazaricos, Ponteceso, A Laracha, Muxía e Carballo estiveron presentes na Feira Xantar de Ourense, no stand de Turismo da Deputación da Coruña.
O ente provincial levou produtos de 13 concellos, dándolle o seu protagonismo á Festa da Faba de Ponteceso, que precisamente se celebra hoxe , o congro de Muxía ou o pan, a empabada e o pan de ovo de Carballo, ou a Festa da Fabada e Festa da Horta da Laracha.

Especial protagonismo tiveron o Bolo do Pote de Mazaricos e os callos de Carnés, Vimianzo.

Mazaricos

Amas de Casa de Mazaricos no Xantar
Amas de Casa de Mazaricos no Xantar

Mazaricos volveu presumir dunha gastronomía privilexiada. Unha delegación municipal visitou a feira e convidou aos asistentes a degustar algúns dos produtos locais. Un ano máis, o showcooking de chuletón de vaca á brasa e a degustación de bolo do pote triunfaron. José Manuel Carreira, do Asador Manduca, elaborou a carne en directo explicando o proceso polo que este produto acada o seu particular sabor e pondo en valor o importante sector gandeiro mazaricán.

Pola súa banda, dende a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, Laura Prado e Esther Muiño presentaron o bolo do pote, un produto gastronómico que conta cunha feira propia anual en Mazaricos e cheo de historia, pois xa aparece nos versos de Rosalía de Castro durante o século XIX.

Un ano máis, o Concello de Mazaricos incluíu toda unha serie de produtos locais acompañando estes pratos estrela para dar visibilidade a unha auténtica constelación de sabores da terra. Os cogomelos e as posibles elaboracións a partir destes, do Asador Manduca, o leite ou os produtos cárnicos cedidos pola empresa Rebeiroa foron outros atractivos da mesa mazaricá expostos no salón ourensán.

Os callos de carnés

Facendo callos irmandinos no Xantar de Ourense

Vimianzo tamén foi protagonista hoxe no stand da Deputación da Coruña en Xantar cunha exposición de produtos típicos. O chef local, Fabián Mouzo, realizou dous showcooking nos que preparou os tradicionais callos de Carnés e o innovador pincho “Manciñas”, recheo de fazula de porco celta e boletus con salsa de Mencía, inspirado na festa do Asalto ao Castelo.

Ademais desta exhibición culinaria, participaron establecementos locais como Cárnicos Domínguez, Mel Perillán e Coído de Sabadelle, que mostraron produtos de gran calidade do municipio. A cita tamén serviu para promocionar a artesanía local coa presenza de Ana Trasariz e Suidade.

Turismo de Vimianzo en Xantar

Turismo gastronómico en Coruña

Como previa ao Congreso organizado pola Deputación A Provincia que sabe, a Ser realizaba na Coruña o programa La Ventana, no que participou o vicepresidente da Deputación Xosé Regueira, con presenza tamén do vicepresidente do Cluster Jesús Picallo.

Comentarios