Todo listo, incluída a ilustre pregoeira, para a XXXII Feira das Fabas de Ponteceso
Consolidada como unha das citas gastronómicas e culturais máis importantes da comarca, este sábado 26 de outubro, Ponteceso celebra a XXXII edición da súa emblemática Feira das Fabas. A carpa da Trabe encherase, como o ano pasado, de cultura, gastronomía e diversión para esta singular celebración, que serve de escaparate dos mellores produtos da nosa terra.
Unha feira que “é moito máis que unha feira gastronómica: é un punto de encontro da veciñanza, unha oportunidade para dar a coñecer o noso patrimonio cultural e un motor económico para os produtores locais”, como afirma a concelleira de Cultura, Raquel Fondo.
Programa e Tren Turístico
Unha das grandes atraccións deste ano será o tren turístico, que por primeira vez estará dispoñible, e de balde, para todos os asistentes. Este tren, que funcionará entre as 11:00 e as 14:00 horas, realizará un percorrido amenizado polo mago Cayetano Lledó, quen sorprenderá aos viaxeiros con trucos e maxia ao longo da ruta. O tren realizará paradas en puntos clave do concello, como a Praza do Recheo, o Campo da Feira e o Centro Cultural, ofrecendo a oportunidade de coñecer diferentes espazos destacados de Ponteceso mentres se disfruta dun espectáculo único.
O programa continúa ao mediodía cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos. Ás 14:00 horas, os asistentes poderán acceder ao espazo de xantar, onde se celebrará unha gran comida popular coa faba como protagonista. Ademais, o ambiente festivo estará asegurado coas actuacións en directo do Dúo De Festa, que arrancará a súa actuación a partir das 15:30 horas.
Antes da actuación musical, haberá unha nova oportunidade de gozar co talento do mago Cayetano Lledó, que levará a cabo un segundo espectáculo na carpa instalada para a ocasión.
Sandra Varela, pregoeira
Un dos momentos máis esperados da xornada será o pregón, que se celebrará ás 14:30 horas, e onde a cociñeira Sandra Varela Amado compartirá unhas palabras para dar o pistoletazo de saída oficial a esta festa. Sandra é cociñeira no centro educativo dos Muíños e leva anos loitando por ofrecer un menú de proximidade ás crianzas, defensora da soberanía alimentaria e muller sita na vangarda gastronómica de todo o estado sendo a representante galega da Red Chef 2030.