Domingo. 24.10.2021
El tiempo

Adisbismur pide ao Concello unha solución urxente para o seu transporte

Adisbismur pide ao Concello unha solución urxente para o seu transporte

Continúa a polémica en Muros ante a decisión da alcaldía de eliminar a subvención para o transporte á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros ADISBISMUR entidade que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Se ben dende o Concello aseguran que intentarán manter o servizo de transporte asumindo a súa xestión, dende a entidade social non saben nada.

Así informan dende Adisbismur, asegurando que "a día de hoxe -17 de xaneiro de 2012- ninguén contactou coa entidade para avisar da data de inicio do transporte adaptado que xestiona o concello de Muros. O que si temos constancia é que son os propios familiares dos usuarios os que dende o día 9 de xaneiro os están a levar ao centro". Por iso, "dende ADISBISMUR instamos ao concello que asuma canto antes o transporte para poder normalizar a situación".

Moitos quilómetros

Quere clarexar ademais a entidade que non son "20 quilómetros de traxecto" como aseguraba a alcaldesa. Sinalan que entre Valadares e o centro de Muros é de 30 kms. e de Outes a Valadares son 7 kms.

Así mesmo, e se ben agradecen a compra dunha furgoneta de 9 prazas por parte do Concello, apuntan que son 14 persoas as que precisan desprazamento, polo que a furgoneta escollida non é a máis axeitada, ou precisaría dunha máis.

Reducindo a factura

A entidade ponnos en situación: En 2005 é cando inicia ADISBISMUR o servizo de transporte adaptado, que coincide co goberno municipal que presidiu a actual alcaldesa, Caridad González Cerviño. Daquela facturábaselle ao concello unha contía de 4.500 euros. No seguinte goberno municipal dos últimos catro anos, a contía descende a 4.000 euros mensuais, que son investidos nos soldos dos dous condutores, 1 acompañante, o consumo de gasóleo, os seguros dos vehículos e as reparacións dos mesmos. A contía total económica destínase integramente a sufragar os custos humanos e técnicos, a asociación ADISBISMUR non obtén ningún beneficio.
ADISBISMUR reuniuse en tres ocasións coa Sra. Alcaldesa e coa Concelleira de Servizos Sociais para negociar a continuidade do servizo de transporte subvencionado polo concello muradán como así viña acontecendo dende hai sete anos. As xuntanzas mantidas non chegaron a un acordo común para as dúas partes. Dende ADISBISMUR reducimos a factura mensual en 500 euros, co que serían 3.500 € mensuais a cota polo mantemento do transporte. Acordamos tamén, debido á falta de liquidez do concello, a rebaixar ata 2.500 € a contía dos meses de novembro e decembro de 2011. Dende o concello se pretendía que a factura rebaixara ata os 1.500 € ao mes, unha cantidade económica que non alcanza nin para pagar os 3 soldos das persoas que traballan no transporte, ademais do combustible e seguros.
Tamén queremos aclarar que durante o último ano o concello de Muros veuse retrasando no pagamento do servizo de transporte por falta de liquidez no consistorio. Tivo que ser a propia asociación a que se fixo cargo dos custos o que conlevou a uns desaxustes na tesourería da propia entidade.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de COGAMI.

comentarios