venres. 17.10.2025
El tiempo

O alumnado do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Insuas de Muros, premiados cartógrafos

CEIP Ramon Artaza de Muros co proxecto cartografia
O alumnado do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Insuas de Muros, premiados cartógrafos

O xurado do concurso internacional “Draw your map”, promovido pola Asociación Internacional Vía Querinissima, vén de premiar por unanimidade os proxectos presentados polo alumnado de 5º de Primaria do CEIP Plurilingüe Ramón de Artaza y Malvárez e de 1º da ESO do IES As Insuas, ambos os dous centros emprazados no concello de Muros e que competiron con centos de proxectos de centros de ensino de toda Europa. Uns proxectos avaliados como “exemplos de intercambio, creatividade e interacción”, segundo o fallo do xurado. Os premios serán entregados o próximo 10 de novembro en Muros, ata onde se desprazarán representantes da Asociación Internacional Vía Querinissima, liderados polo seu presidente, Roberto Ciambetti.

“Draw your map” é un proxecto piloto promovido no ano 2024 por esta asociación internacional para mellorar a conciencia dos estudantes máis novos sobre o patrimonio europeo e comprometelos na promoción da Vía Querinissima. A iniciativa estaba dirixida a escolares de entre 7 e 14 anos de toda a área que abarca a asociación: Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, a Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido. Para participar, tiñan que debuxar un mapa para representar a historia do mariño e comerciante Pietro Querini no século XV, nun percorrido que o levou a Muros o 26 de outubro de 1431 e despois a Compostela, converténdose nunha das máis antigas peregrinacións documentadas do Camiño da Ría de Muros Noia. 

CEIP Ramon Artaza de Muros co proxecto cartografia 2

Os dous proxectos

Precisamente en Muros, un cento de rapaces e rapazas de 4º e 5º de Educación Primaria do CEIP Ramón de Artaza e de 1º e 2º de ESO do IES As Insuas tomaron parte no concurso. Deles, o xurado premiou por unanimidade dous proxectos: “Viaxa con Querini” e “Antes e agora”.

Viaxa con Querini” é unha iniciativa do grupo de 5º de Primaria do CEIPP Ramón de Artaza, que foi premiado “pola súa capacidade para promover a interacción, a aprendizaxe e o entretemento a través dun traballo creativo e visual excepcional”, sinala o xurado no seu faio remitido á Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia. Así mesmo, destaca que se trata dun “proxecto extraordinario no que a viaxe de Querini serve de camiño para ofrecer ao alumnado un enriquecemento cultural moi atractivo”.

Sobre “Antes e agora”, proxecto presentado polo grupo de 1º da ESO do IES As Insua, o xurado destaca que “a través dunha perspectiva histórica, o traballo compara o pasado e o presente da zona, amosando a súa evolución ao longo do tempo e destacando o paso de Querini polo lugar. Un enfoque que combina investigación, creatividade e difusión cultural”.

Para elaborar os seus traballos, o alumnado muradán contou coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, que promoveu a realización dun obradoiro para que coñeceran a Vía Querinissima e a súa orixe, ademais de descubrir as relacións de colaboración institucional xurdidas arredor deste itinerario. Unha realidade que puideron coñecer da man da alcaldesa de Muros, María Lago, que mesmo se achegou ata o CEIP Plurilingüe Ramón de Artaza para explicarlles o papel do seu concello neste proxecto. 

Máis novas

Comentarios