CxG pide á dirección do PSdG que reprobe a moción contra o galego de Muros


Xa amosou o BNG a súa repudia ó regulamento municipal da “galegofobia”. Hoxe é Compromiso por Galicia o que califica de "atentado" o que se fixo en Muros no último pleno celebrado o 25 de abril ao aprobar unha moción consensuada entre PSOE e PP polo que se anula o uso preferente do galego no ámbito da administración local de Muros.
E non só o denuncian os concelleiros de Compromiso por Galicia no Concello de Muros, María Xosé Alfonso Torres, José Manuel Quintela Fernández e María Sambade Lloréns, senón que é o propio lider do partido en Galicia, Xoán Bascuas o que insta á dirección do PSdG-PSOE a reprobar a actitude do seus edís en Muros. Ademais, CxG solicita a rescisión da relación contratual do asesor xurídico pola súa "actitude autoritaria e antigalega".
A Secretaria Local de CxG, María Sambade, denuncia que Muros “vive unha brutal involución por consecuencia, entre outras cousas, da actitude do asesor xurídico e da deixadez e do consentimento da alcaldesa”. Neste sentido, "o asesor xurídico, non só incumpre de maneira sistemática as normas referidas ao uso do galego, senón que mesmo chegou ao punto de esixir aos veciños e ás veciñas o uso do castelán”, nunha actitude “autoritaria e que despreza á lingua e ás persoas”.
Novas relacionadas
- O TSXG dá a razón á edila de CxG expulsada do pleno muradán.
- O BNG muradán repudia o regulamento municipal da “galegofobia”.
- Piden a destitución do asesor xurídico do Concello de Muros por incumplir o uso do galego.
Fonte
- Nota de prensa de María Xosé Alfonso, coordinadora territorial de A Coruña de CxG e concelleira en Muros.