xoves. 09.04.2026
El tiempo

Debullan as obras de mellora nos portos de Esteiro e Muros

Visita Conselleria do Mar a Muros
Debullan as obras de mellora nos portos de Esteiro e Muros

Recibía Muros a visita dunha comitiva da Consellería do Mar, para poñer en valor o investimento, a través de Portos de Galicia, de 650.000 euros neste ano en melloras nos portos de Muros e Esteiro. A conselleira, Marta Villaverde, e o presidente de Portos, José Antonio Álvarez, foron recibidas pola alcaldesa María Lago, avaliando as diversas accións.

Por un lado 70.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira do pantalán profesional para embarcacións mexilloeiras do porto de Muros. As obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses. 

En concreto, no porto de Muros actuarase sobre o pantalán mexilloeiro situado na punta do dique. O ámbito da actuación abrangue o propio pantalán e 9 fingers, cunha superficie total de 640 metros cadrados. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Así mesmo, o ente público ten xa en execución no porto de Muros para a reconstrución do peirao interior. Esta obra ten un importe de 361.000 euros e a súa finalización está prevista para o mes de maio.

Rampla en Esteiro

Durante a súa visita, Villaverde lembrou tamén que Portos de Galicia ten contratado xa a mellora da rampla de Esteiro, na que investirá 215.000 euros e que dará comezo nesta primavera. Esta obra permitirá adaptar a rampla de descarga de peixe e bivalvos ás necesidades das embarcacións que operan no porto de Esteiro. 

Comentarios