Muros representou a importancia social de marcar a X Solidaria na Declaración da Renda

O pasado xoves, 3 de abril, a praza de Muros converteuse no epicentro dunha gran xornada de solidariedade. Máis de 170 persoas uníronse para formar unha gran "X" cos seus paraugas, nun acto organizado por ADISBISMUR (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros), coa colaboración do IES As Ínsuas, o CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, e o IES Fontexería. A cita tivo como obxectivo visibilizar a importancia de apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade e, especialmente, marcar a X Solidaria na declaración da renda.
A concentración, que tivo lugar ás 12:00 horas no Curro da Praza, foi unha auténtica mostra de unión, compromiso e esperanza. Durante o acto, a directora de ADISBISMUR, a alcaldesa de Muros e membros do equipo de goberno puxeron voz a un manifesto emotivo no que se destacou que a solidariedade é un valor fundamental para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
A gran "X" formada polos paraugas das persoas asistentes simbolizou o poder transformador da solidariedade. "Marcar a X Solidaria na túa declaración da renda non custa nada, pero cambia moito", foi unha das mensaxes máis destacadas durante o evento, facendo fincapé na importancia do compromiso social e colectivo.

Este acto reflicte a forza dunha comunidade que se solidariza, apoia e loita pola igualdade, o benestar común e a dignidade de todas as persoas. A participación masiva e o apoio de todos e todas os asistentes amosaron que, xuntas, podemos xerar cambios reais na vida das persoas máis vulnerables.
ADISBISMUR quere agradecer de corazón a todas as persoas que fixeron posible este evento e ás máis de 170 que se sumaron para facer sentir que a solidariedade non ten límites. Seguimos loitando por unha sociedade máis xusta e inclusiva para todas as persoas.