venres. 29.05.2026
El tiempo

O pleno muradán aprobou unha moción para condenar a agresión homófoba ao veciño David

Esteirana e Corme fem na Salina
As xogadoras da Esteirana e do Corme amosaron o seu apoio a David
O pleno muradán aprobou unha moción para condenar a agresión homófoba ao veciño David

O Concello de Muros aprobou no pleno celebrado onte pola noite e por unanimidade de todos os grupos unha moción para “expresar a máis firme condena do Concello de Muros ante a agresión homófoba sufrida por un veciño do noso municipio en Santiago de Compostela”.

O texto da moción, presentada pola concelleira de Muller e Igualdade, Maruxa Martínez, “traslada toda a solidariedade, apoio e afecto institucional á vítima e ao seu entorno”, ademais de “reafirmar o compromiso do Concello de Muros coa defensa dos dereitos das persoas LGBT e coa tolerancia cero ante calquera manifestación de odio, discriminación ou violencia por razón de orientación sexual ou identidade de xénero”.

Nos últimos días fíxose pública a agresión homófoba sufrida por un veciño de Muros en Santiago de Compostela, “uns feitos intolerables que supoñen un ataque directo á dignidade, á liberdade e aos dereitos fundamentais das persoas LGBT”.

Segundo transcendeu, a vítima foi obxecto de insultos e ameazas de carácter homófobo, chegando incluso a sufrir unha agresión física. 

Estes comportamentos non poden ser normalizados nin minimizados baixo ningún concepto, xa que representan manifestacións de odio incompatibles cos valores democráticos, coa convivencia e co respecto á diversidade que deben rexer a nosa sociedade.

“As administracións públicas teñen a responsabilidade de posicionarse de maneira clara fronte a calquera forma de discriminación, promovendo espazos seguros, libres e igualitarios para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero”, engade a moción.

“Do mesmo xeito, cómpre recoñecer a valentía da vítima ao denunciar publicamente os feitos sufridos, contribuíndo así á visibilización dunha realidade que segue afectando a moitas persoas”, remata o texto.

Comentarios