As embarcacións tradicionais, as outras protagonistas do Muros Mira ao Mar
Arrancan as XXI Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar, co seu completo programa, e nas que Asociación Cultural Mar de Muros reúne unha mostra de máis de 20 barcos tradicionais representativos do patrimonio marítimo galego, en colaboración coas asociacións federadas en Culturmar.
Durante toda a fin de semana poderase desfrutar de distintas actividades arredor deste patrimonio que inclúen navegacións conxuntas da frota tradicional, visitas guiadas aos barcos e á Mariña Tradicional – Mardevelas e o izado de velas que dá o punto de partida a estas xornadas, que neste ano teñen como temática as palabras e expresións relacionadas co mar, baixo o lema “Un Mar de Fala”.
Nesta nova edición a frota tradicional que estará en Muros volve representar unha ampla e variada mostra viva do patrimonio marítimo integrada por bucetas, lanchas xeiteiras, galeóns, dornas, botes, gamelas, motoras, racús ou loros procedentes de diversas localidades do litoral galego, até un total de 23 barcos.
Para hoxe venres están previstas varias visitas guiadas de balde á Mariña Tradicional – Mardevelas, ás 17:00 e 18:30, para dar paso ás 20:30 ao izado de velas, que se poderá desfrutar desde o paseo marítimo.
O resto dos días repetiranse as visitas guiadas en horario de 10:00, 11:30, 17:00, 18:30 e 20:00 o sábado e de 10:30, 12:00, 17:00, 18:30 e 20:00 o domingo, todas elas con punto de encontro na propia Mariña Tradicional de Muros.
Toda a actividade de mar está organizada en colaboración con Culturmar, co apoio do Concello de Muros e da Deputación Provincia da Coruña.
