O prestixioso maquetista muradán Fran Romero Pedrosa sobe ao Concello de Muros a bordo do “Cardenal Cisneros”
Este mércorses, o salón de plenos do Concello de Muros, acollía a entrega dun agasallo moi especial. O maquetista local Fran Romero Pedrosa regalaba unha maqueta, de tipo realista, do buque “Cardenal Cisneros”, que pasará a formar parte da colección permanente do Centro de Patrimonio Marítimo Conserveira de Sel.
A alcaldesa en funcións e concelleira de cultura, Mayka González, recibiu esta xoia nun acto no que tamén participou un representante de ADIMAR, que colaborou con Fran para este traballo e colabora de xeito habitual co Concello de Muros na mellora da colección que se exhibe no Centro de Patrimonio Marítimo Conserveira de Sel.
A entrega serve para lembrar a historia do buque, encallado na ría de Muros a primeiros do sáculo XX. Foi un cruceiro acorazado da Armada, de máis de 100 metros de eslora, botado en 1897 e que encallou despois de chocar nos baixos de Meixide en outubro de 1905 cando zarpaba de Muros. Foi o primeiro en levar a artillería modificada e tamén o primeiro en lucir a cor gris da Armada española. Debido á implicación dos mariñeiros todos os tripulantes foron salvados e polo seu auxilio o rei concede á Vila de Muros o título de Moi Humanitaria.
Romero Pedrosa tamén describiu o seu municioso traballo, comezando pola labor de investigación en arquivos e outros fondos sobre o orixinal a replicar, levando logo á busca dos materiais máis idóneos para cada unha das súas creacións, chegando mesmo a crear algún deles; por tratarse dunha afección o tempo non o tén en conta, e o resultado é espectacular.