venres. 12.06.2026
El tiempo

As Tecedoras convirten a Maceta nun "espazo de encontro, apoio e colaboración entre mulleres emprendedoras"

Tecedoras da Maceta de Muros
Tecedoras da Maceta de Muros
As Tecedoras convirten a Maceta nun "espazo de encontro, apoio e colaboración entre mulleres emprendedoras"

Aínda están emocionadas as dez mulleres Tecedoras de Muros. A iniciativa impulsada polo Espazo A Maceta desenvolveu catro xornadas de formación, que acabaron sendo moito máis que iso, convertíndose nun espazo de encontro, apoio e colaboración entre mulleres emprendedoras. Esa era a intención da promotora, Alba Fernández, a de "fortalecer o emprendemento feminino a través da creación de redes de apoio, colaboración e aprendizaxe compartida".

As emprendedoras procedentes de Muros, Noia e Santiago compartiron experiencias, retos e aprendizaxes arredor dos seus proxectos. Ao longo das xornadas abordáronse cuestións relacionadas coa comunicación, as vendas, a organización, a conciliación ou os bloqueos que adoitan acompañar o emprendemento. Porén, o que se foi construíndo durante os encontros foi moito máis que un espazo de intercambio profesional. A través da escoita, da confianza e da experiencia compartida, as participantes foron tecendo unha rede de apoio que lles permitiu sentirse acompañadas nun proceso que moitas veces se vive en soidade.

Tecedoras da Maceta de Muros 3

A sesión final abriu as portas a novas participantes, reunindo un total de 17 mulleres arredor dunha mesma mesa para coñecer a iniciativa e celebrar o camiño percorrido.
Na sesión de peche, as propias emprendedoras puxeron palabras ao que significou para elas formar parte de As Tecedoras: "O que máis me cambiou foi que ao estar neste espazo era máis auténtica, e o meu emprendemento máis meu", compartía unha das participantes.

Outra destacaba que "o que atopo aquí é compañía, poder falar das miñas cousas libremente sen ser xulgada", mentres que unha terceira resumía o sentir xeral do grupo cunha frase sinxela pero contundente: "Eu voume coas gañas de continuar, fíxoseme moi curto."

Estas reflexións evidencian o que se repetiu ao longo da tarde: As Tecedoras foi moito máis que un networking. Foi un espazo para compartir, aprender, crear conexións e descubrir a forza que ten unha comunidade cando se constrúe desde a confianza.

Máis novas

 

Comentarios