Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Alba e o Espazo Maceta: “É guai vivir nun sitio no que a xente te chama polo nome“

Alba da Maceta de Muros
Alba diante do Espazo Maceta en construción
Alba e o Espazo Maceta: “É guai vivir nun sitio no que a xente te chama polo nome“

Queda aínda un tempo para que o Espazo Maceta poida abrir as súas portas. Pero este lugar de creación, este proxecto de dinamización local xa dá que falar na vila de Muros. Sita na Casa Maruja, na mesma Avenida Castelao, está en proceso de reforma, e mesmo necesitou unha excavación arqueolóxica para a rehabilitación.

Un espazo onde muller, arte e sostibilidade se dan a man para fomentar a creación de proxectos creativos novedosos, que fomenten a actividade, a vida nas vilas do rural galego.

Mentres ollamos o seu IG en @espazo_a_maceta, falamos con Alba Fernández Arias (@alba_muros), artista e arquitecta de profesión, que tras moitos anos traballando en Londres con imponentes nomes do sector, volve a casa para liderar este proxecto vinculado coa súa terra.

Un proxecto participativo que, coa intención de involucrar a todo o que o sinta, abre un proceso de recadación de micromecenazgo a través dunha campaña de crowfunding a través da plataforma Goteo.org.

 
  • QPC: Bueno Alba, de volta a casa…

Pois si, eu nacín en Muros e vivín aquí ata os 18 anos. Estiven dende os 18 dando voltas polo mundo: Coruña, Barcelona, Londres, Santiago, Madrid, Londres de novo… e agora volvo a Muros, no 2020, con 39 recén cumplidos. E agora que teño unha filla, quería que vivise a liberdade de vivir na rúa, como fixen eu coas miñas amigas. Esa é unha das razóns polas que voltei. Aquí teño aos meus pais, a xente te recoñece, e chámate polo nome, e iso é unha cousa que máis valoro, coma no súper cando me din “aí tes Albiña”. É guai vivir nun sitio no que a xente te chama polo nome, vale ouro.

Ademais aqui en Muros a xente é moi boa. Penso, por exemplo nos meus veciños Manolo e Lolita que me están axudando moito; ou outras veciñas que comentando xa me daban plantas de todo tipo para traer á horta. É unha relación super cercana e de compartir. Éncheme.

E despois, todo o que ten que ver coa paisaxe natural, o de saír a correr ás praias, disfrutar os menceres… Non ten prezo.

E tamén o feito de ter esta casa, da familia, é algo que facilitou moito a volta. Volves e tes un lugar. Moita xente que quere voltar e non pode.

 
  • QPC: Veña, damos un repaso pola túa carreira: Fórmaste na UDC e quedas na A Coruña traballando varios anos, non?

Aos 18 estudie Arquitectura en Coruña. En Coruña non foi tanto cambio. O cambio grande foi cando fun a Barcelona, e alí vin o que se respira nunha cidade como esa e a liberdade pola diversidade que hai. Estaba nunha universidade no Vallés e moitos eran de fóra, Erasmus... Disfrutei moito das actividades culturais, museos… abriuseme moitísimo a cursiosade para saber quen era Alba. Porque en Coruña era unha prolongación de quen era en Muros.

 
  • QPC: E tras pasar por Barcelona, fichas por un dos grandes estudios de arquitectura de Londres.

Si, estiven con Richard Rogers un ano, e foi moi guai, unha pasada. Mesmo lle dixen que non a Foster. Aprendín moito pero botaba moito de menos a casa. Si que viaxei moito polo mundo, pero voltaba a casa cada mes. Así que despois dun tempo xa lles dixen que non ía renovar que quería volver á terra.

E volvín aquí porque unha amiga tiña un proxecto e lle axudei. Fixen un master de Rehabilitación en Santiago, moito máis preto da casa, que me encantou e montamos unha marca.
Despois fun a Madrid a especializarme en sostibilidade, e conseguín unha praza para rehabilitar o casco vello de Santiago, un traballo precioso, durante 2 anos.

No 2013 naceu Martina, estiven un ano coidando dela, e cando se me acababa o paro, tiña unha oficina en Madrid, unha en Coruña e unha en Londres. Mandei a CV e colléronme, e volvín á oficina de Richard Rogers, traballando con el man a man, tiven moita sorte.

 
  • QPC: E estando aí, no cumio da arquitectura mundial, como foi a decisión de volver a Muros?

Estaba viaxando a Nova Iorque, a China.. con proxectos tremendos… pero estaba perdendo motivación indo en Bussines, aos mellores hoteis… Pero a verdade é que non o estaba disfrutando. A último viaxe a NYC vinme chorando no hotel e pensando “Alba, que pintas aquí?”.

E aí chegou a pandemia, o único bo da pandemia. Pedín o ERTE voluntario, e me puxen a facer de profe de Martina, algo que nunca máis ía poder vivir, e foi unha gran experiencia.

E cando tocou volver á realidade, e tiven que reincorporarte, e mandábanme facer proxectos que non eran tan sostibles como eu quería, e rompín.
Ademais, uns meses despois rompín coa parella, e decidín volver, quería volver para a miña terra, que quería que a miña filla vivise aquí, e quería parar a pensar que facer, se volver á empresa, se facer un doctorado…

 
  • QPC: E finalmente decídeste a volver a casa para montar un proxecto vinculado coa terra. Que significa emprender na casa, emprender no rural?

Ao pouco de chegar, métome a investigar e metinme nun programa de emprendemento RR do Territorio, da Fundación Roberto Rivas, sen un proxecto concreto, pero empecei ensinando un proxecto dunha comunidade en torno á cultura orgánica, pero xa me din conta de que necesitaba algo máis. E tiña o baixo da casa sen rehabilitar. E un dos proxectos que había era un coworking, e pensei que sería idea facelo no baixo da miña casa. E xa pensei no concepto “maceta”, elemento soporte para sementar en colectivo. Así nace Espazo Maceta.

 
Soportais de Muros onde esta o espazo maceta
O Espazo Maceta está nos soportais
  • QPC: Entón, que é Espazo Maceta?

“Espazo de traballo compartido e de acción cultural”. Un Coworking, con traballadores independientes e de emprendemento (formación, por exemplo), pero tamén unha axenda cultural, coa que se pretende talleres de participación de sentarse a conversar e traballar arredor da mesa.

O caso é que polo camiño sigo facendo proxectos concretos de rehabilitación. Desa parte non me olvido, porque ademais se buscas arquitect@ que saiba inglés pola comarca, só aparezo eu. Despois mandolles o meu cv e flipan. De Londres saín con moi rexeitamento. Pero hai un par de meses sentín que fixen as paces coa arquitectura. Se non parara, se non me repensara, moito traballo de autocoñecemento.

E aí cheguei á conclusión de que son boa conectando persoas, conecto acontecemendos, verbas dun, verbas doutro… E coa miña filla xa estiven un par de veces comendo nos iates de xente de fóra que veñen por aquí. Encántame conectar ese mundo, que é outro mundo, co mercado ou así, e se o fago a nivel persoal, tamén o pode facer a Maceta. Pasa xente moi interesante por Muros, pero non se visualiza, e por aí quero ir facendo eventos.

Tamén sempre quere ser artista e ata dou cursos de gravado co concello con outros 6 artistas da vila. De feito, agora rstoulle dando clase á miña nai, á miña veciña… xerando comunidade, e iso é o quero que sexa precisamente a Maceta, con horta, taller artístico.

 
  • QPC: E seica hai unha mesa Xeiteira que está en cernes, como centro dunha comunidade. Fálanos dela como elemento vertebrador do proxecto.

É unha mesa diálogo inspirada na embarcación tradicional, unha mesa pensada para chegar a acordos. Precisamente, a campaña de crowfunding, para que a mesa sexa de todos. Para que a xente tome como propio o proxecto.

A Mesa Xeiteira Galego.mp4 from Alba Fernandez on Vimeo.

 
  • QPC: E que pasou aí no proceso de rehabilitación do baixo para que fose necesaria esa excavación arqueolóxica?

Cando fas unha rehabilitación, se vas escarvar, nun casco histórico como Muros tes que facer un proxecto arqueolóxico e unhas catas. E na terceira, “Bingo”, un pío de salazón, que poderían ser de arredor de 1700. Iso que se conta en 10 segundos, tardou 8 meses en desenvolverse… Entón tiven que volver a mandar todo a Patrimonio, que decidiron seguir excavando e descubriron 4 píos, que estaban tapados cunhas pedras enormes preciosas, que as aproveitei para a horta, conectando así os dous espazos.

A licenza é que todo o traballo que fagas tes que amosarllo á arqueológa, e aí está controlando. É doloroso porque economicamente é duro, todo o tes que pagar ti. Pero o tempo veume ben para madurar o proxecto. Estou dacordo en que hai que coidar e manter o patrimonio porque é de todos, pero ten que haber axudas. Eu traballei no casco vello de Santiago, e sei aprezar, de feito, vanse poder ver os píos.

excavacion arqueoloxica no espazo maceta

 
  • QPC: Cando abre entón?

A data está para abrir en Semana Santa. E aí detrás tamén estaremos tres mulleres que formamos este proxecto comunitario da Asociación A Maceta, Laura, vinculada a Santa Comba, Sara e mais eu.

 
  • QPC: Outras cousas. Que inconvintes te estás atopando vivindo no rural?

O que me falta en Muros é esa xente coa que comparto visión. Eu son feliz aquí e estaba segura de que quería quedar aquí, pero boto en falta conversas con persoas coas que estou aliñada en historia e en propósitos. Cando empezo a falar con xente retornada que me vou atopando, conecto máis. Esa xente entende que me queira quedar en Muros.

Por agora non boto de menos infraestrururas, ou comunicación, igual cando empece o negocio, pero como por agora estou para parar un pouco, e son moi positiva en xeral.

O que notas vivindo nunha cidade é presión por facer cousas. Aquí non teño esa sensación. Aquí a xente vive en calma, sen presa, nada que ver co ritmo de Londres.

 
  • QPC: Como ves o teu Muros despois de tantos anos? Esperabas velo máis vivo, máis morto?

Véxoo máis vivo do que di a xente. Máis vivo que a percepción da xente que vive aquí. Pero se cadra é por este proceso de desaceleración. Iso si, cando Muros se enche, no verán, eu marcho para a horta de Miraflores, a 10 minutos.

 
  • QPC: E paralelamente, seica hai un proxecto en marcha de dinamización de zonas rurais a través da captación de líderes locais que se chama Fundación Galicia Imaxinaria. E unha desas bravas pode que sexa Alba Fdez. Podes falar dese proxecto?

Coñecín a través da Fundación a varias persoas, Lucas, Ramón, Sara e Laura. Armamos unha reunión con mentes inquedas moi semellantes entre nós. Durante un ano estivemos facendo un itinerario de equipo para definir un reto común que queríamos percorrer. Percorrelo é o obxectivo. O noso reto é conectar as líderes locais para “fomentar o estilo vida sostible no territorio dende a equidade”.

Un ano investigando, traballando como equipa, facendo unha análise histórica, de léxico, de tendencias, un traballo de identificación de quen creíamos que eran eses líderes (cada un dos 5 invitamos 5 persoas que valen), fixémoslle entrevisas, sacamos prototipos, e proxectamos iso.

O primeiro prototipo foi conectar durante 21 días a través dun grupo de whatsapp, no que cada día compartíamos algo bo de cada un, para validar se ese compartir mellora a conexión e a autoestima dos líderes. Moi guai, creáronse moitísima sinerxias.

O segundo prototipo foi un encontro en Silleda, con 3 dinámicas, coa teoría da #filosofíadavida. Ser, saber; ser (como te comportas), e saber facer (o que rixe a comunidade). Pedíamoslle á xente que se definiran cun obxecto. Unha comida compartida, un paseo pola fervenza do Toxa, conversando sobre problemáticas identificadas nas comunidades ás que pertencíamos, para sacar principios para mellorar o funcionamento desas comunidades.

Agora estamos describindo o modelo de negocio, atopando financiamento e subvencións. Un modelo estilo Salmon Nation entre Alaska e Canadá, onde Laura ten contactos, e imos importar moitas ideas. Seguramente fundemos unha Fundación Comunitaria, que bebe dos recursos (filantropía, fondos públlicos e privados) para que queden no territorio. Esperemos que colla vida nuns meses.

Comentarios