The Rapants e 9Louro enchen de arte a Semana Cultural do IES As Insuas

The Rapants no IES As insuas

Menudo nivel que están tendo as Semanas Culturais da nosa contorna. Hoxe facemos parada no IES As Insuas de Muros, para repasar o acontecido nesta pasada última semana de abril, cunha marea de actos culturais diversos, entre os cales destacaron as actividades musicais coa presenza de 9Louro e The Rapants-

Os amantes da cultura da Ría de Muros e Noia xa teñen hai tempo posto un ollo no que se coce no instituto As Insuas, situado na parroquia muradá de Serres. Este centro educativo recuperou hai tres anos a súa semana cultural, cun formato aínda máis ambicioso: organizar
actividades culturais en todas as horas lectivas para todos os grupos á vez. Isto requiriu unha enorme organización por parte do persoal, aínda que a pasada semana puidese descansar ao quinto día, xa que era festivo. Ben é certo que, tal como indica a dirección, o alumnado facilita o traballo, pois caracterízase pola colaboración e implícase a fondo nestes días de aprendizaxe diferente. Tanto é así que mesmo houbo alumnas que ofreceron os seus coñecementos en obradoiros destinados aos seus compañeiros.

Con este evento o IES As Insuas demostra a súa aposta pola aprendizaxe nun entorno colaborativo botando man de diversos puntos de interese. Concéntranse así moitas actividades de educación emocional, sanitaria, medioambiental, científica e deportiva, que conviven con
outras máis puramente humanísticas (debuxo, escritura, literatura, oratoria, sociolingüística...). O alumnado puido coñecer mellor o entorno en senllos roteiros a pé: un percorrendo algunhas das fontes de Muros e outro consistente nunha subida aos petróglifos de Cova da Bruxa.
Pero se algo destacou sobre todo na presente edición foi a presenza musical, e de alto nivel.

Non só polos obradoiros de percusión ecolóxica (usando tambores de pintura baleiros) de Didier Díaz, os de regueifa a cargo de Xairo de Herbón e Nuria das Cruces ou o de baile moderno impartido por Claudia Tajes e seu irmán Aday, senón, e sobre todo, polo encontro con exalumnos que están a triunfar na escena musical actual. O mércores 29 a xornada rematou coa entrevista, con moitas preguntas da rapazada, a Martín Louro e Fabio Vázquez, coñecidos artisticamente como 9Louro e Faviovz, respectivamente, compañeiros nun proxecto musical vertixinoso que aflorou en pouco máis dun ano.

Faviovz e 9Louro

E, como punto final, o 30 de abril, o privilexio de contar, grasas ás xestións do Concello de Muros, con The Rapants, grupo que xa transcendeu hai tempo as fronteiras para situarse nun lugar relevante da música galega e española. Así o demostraron hai un mes, cando actuaron ante 6.000 persoas no Multiusos do Sar en Santiago.
Desta vez, nas Insuas, o público non era numeroso mais era todo o instituto vibrando coa súa música, e igual a calquera en entusiasmo.