O IES As Insuas cambian o programa escolar por unha enriquecedora Semana Cultural
Trala boa acollida da feira de Orientación, a familia do IES As Insuas acende o modo #SemanaCultural. O éxito das anteriores edicións animou ao profesorado deste instituto muradán a organizar outras xornadas culturais ben ambiciosas. As clases ordinarias serán substituídas completamente (todos os días, en todos os cursos e en todas as horas lectivas) por actividades variadas e divertidas para aprender dun xeito diferente, e implicando a toda a comunidade educativa.
Como vén sendo habitual, atenderase a diversas expresións culturais. Nesta ocasión a música terá aínda máis protagonismo, xa que o centro recibirá a visita de varios exalumnos que están a triunfar na escena musical, como 9Louro ou The Rapants, que manterán senllos encontros co alumnado das Insuas.
A directiva quere continuar o traballo de orientación da feira da semana pasada, fomentando a participación dun espazo a divulgación científica, pictórica ou literaria, sen esquecer as actividades deportivas.
A dirección do centro considera esta semana previa á ponte festiva de maio un escaparate lúdico e cultural que pretende abrir o instituto á contorna, como se desprende da nómina de profesionais e institucións que participan nestes actos. Estas xornadas culturais veñen ser así unha continuación do traballo levado a cabo nos últimos anos en colaboración co Concello de Muros ou cos centros educativos do concello, mais tamén con entidades como Auga e Sal, Serres Runners ou Adisbismur.




